Viveiro, 10 de abril de 2023. O Concello de Viveiro amosa a súa satisfacción polo éxito de organización e de convocatoria da Semana Santa 2023, unha celebración que nestes días superou os datos de antes da pandemia, tanto en afluencia de visitantes como no impacto económico para o sector hostaleiro e o comercio local.
“Foi a mellor Semana Santa en moitos anos. Despois de recuperar os actos o pasado ano e de superar por fin as restricións, a veciñanza e os visitantes desfrutaron plenamente dunhas datas sempre moi especiais para os veciños e veciñas”, subliña a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
A masiva afluencia de turistas quedou patente non só á hora de asistir aos oficios e procesións, senón tamén co impacto para a economía local e para sectores como a hostalaría e a hospedaxe.
“Superáronse toda as expectativas. Somos conscientes da relevancia da nosa Semana Santa, da admiración que esperta a nivel internacional e do seu arraigo tamén entre os nosos veciños e veciñas, e dende Concello damos as grazas a todos os que se achegaron ata Viveiro para vivila con nós”, engade a rexedora.
A meteoroloxía acompañou estes días e todas as procesións e actos puideron celebrarse e lucir no seu máximo esplendor. “O traballo da Xunta de Cofradías da Semana Santa volveu ser exemplar. O seu compromiso e a súa implicación é un motivo de orgullo para todos”, aplaude María Loureiro.
A alcaldesa de Viveiro tamén felicita “ao sector servizos, aos establecementos de hostalería, hospedaxe e comercio polo esforzo que fixeron para atender aos milleiros de persoas que nos visitan”.
Prácticamente todos os hoteis da vila chegaron ao 100% de ocupación, así como os apartamentos turísticos e as segundas vivendas das familias que contan con estas residencias vacacionais.
Tamén volveron resultar un éxito as visitas guiadas organizadas pola Concellaría de Turismo, quedando cubertas todas as prazas ofertadas.
A oficina de turismo acolleu moita actividade coa visita de milleiros de turistas solicitando información. A maior parte das consultas chegaron por parte de cidadáns españois, de prácticamente todas as comunidades autónomas, e entre as internacionais destacaron os visitantes de Reino Unido, Francia, Estados Unidos, Suiza ou mesmo Rusia.
Tamén ata Viveiro se achegaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o novo delegado do goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, que acompañaron á alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e ao conxunto da comitiva institucional na procesión do Santo Enterro do sábado.
Dende o Concello de Viveiro se agradece especialmente o labor de todo o persoal do concello, do Servizo Municipal de Limpeza e das forzas e corpos de seguridade (Policía Local, Protección Civil, Policía Nacional, Garda Civil e Bombeiros) á hora de velar pola normalidade e seguridade da celebración.
“E tamén unha vez máis grazas aos veciños e veciñas de Viveiro pola súa implicación, pola súa hospitalidade e pola súa comprensión polos cortes de tráfico e demais medidas adoptadas para o correcto desenvolvemento das celebracións. Grazas a todos”, remata a alcaldesa de Viveiro.