Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz repuxo as fotos do mural da rúa Julia Minguillón

Foz, 25 de abril de 2023. O Concello de Foz acaba de repoñer as fotografías do mural da rúa Julia Minguillón, enfronte da Casa da Xuventude.

O concelleiro de Turismo, Chema Linares, explica que se trata “dunha colección de fotografías en cuxa selección colaborou Xesús de Breogán e que foron feitas por Touche, aos que damos as grazas. Nelas podemos ver os diferentes estaleiros, como o de David del Riego, Santiago Pérez, Nécega, José Beltrán ou de R. López, na Espiñeira, de 1918. Destacan tamén diversas fotografías de escolas unitarias, como a de Dona Rita en 1916, Don Andrés en 1917, Dona Aia en 1949, o Martínez Otero, entón Colexio Sagrado Corazón, de 1956, ou do Colexio do Pilar, de 1960, na que se pode ver ós mestres acompañados dos pícaros da escola.Tamén hai unha representación das distintas conserveiras que houbo en Foz, como a de Dal, San Juan ou Galbán; e outras, como a dunha balea no Cu do Castro, mozos disfrutando da romaría do Bispo santo ou Siso rulando.

En definitiva estamos vendo parte da intrahistoria de Foz, da vida das súas xentes e nas que poden verse ou recoñecerse algúns veciños, familiares ou amigos”.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, engade que “estas fotografías completan ás que xa se puxeran nunha pantalla no Cenima, despois dun proceso de dixitalización levado acabo polo Concello, ou ás que figuran no arquivo dixital recentemente posto en funcionamento polo Concello para a preservación e difusión do noso patrimonio documental, relacionado co mundo mariñeiro, que se irá ampliado pouco a pouco cos fondos de moitos veciños. Estes paneis na rúa con estas fotografías son do agrado de veciños e visitantes ao poder ver un pouco da nosa historia reflectida nesta fotografías cando saen a pasear pola rúa. Animamos aos veciños a acudir e disfrutar dunha parte da nosa historia nesta reportaxe fotográfica”.

Exit mobile version