Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz conmemora o 25 aniversario da radio municipal con nova imaxe e cun programa especial este sábado desde a Festa do Berberecho

Foz, 12 de abril de 2023. O Concello de Foz conmemora o 25 aniversario da emisora de radio municipal, que se cumpre neste mes de abril. Con este motivo Radio Foz estrea imaxe e emitirá un programa especial en directo este sábado, día 15, a partir das 11:30 horas desde a Festa do Berberecho, concretamente na carpa que se instala no peirao para este evento gastronómico.

A emisora de radio municipal de Foz foi posta en funcionamento polo Concello en 1998 por iniciativa do alcalde e do concelleiro de Cultura, José María García Rivera e Xaime Cancio Rodríguez, para que os veciños e veciñas da vila e das parroquias do concello tiveran información de primeira man sobre a actividade municipal e doutras novas de interese para os focegos.

Ademais de informativos, durante estes 25 anos en Radio Foz emitíronse programas culturais, sobre a emigración, musicais, deportivos e espazos como O alcalde responde.
A cobertura da radio municipal de Foz chega a boa parte da Mariña lucense e do Occidente asturiano, polo que esta emisora ofrece tamén información de ámbito comarcal e conta con moitos ouvintes de fóra do concello focego.

O concelleiro de Comunicación e Relacións Institucionais, Carlos García, destaca que “esta brillante traxectoria de Radio Foz durante 25 anos é posible grazas a gran profesionalidade do equipo de locutores e técnicos, aos que o pobo de Foz lles profesa un gran respecto e cariño, igual que a todos os colaboradores que pasaron pola emisora e desinteresadamente axudaron a facer a programación da casa das ondas de todos os focenses durante este cuarto de século”.

O alcalde, Fran Cajoto, e o concelleiro Carlos García aproveitaron a conmemoración deste 25 aniversario para dar a coñecer que “en poucas semanas Radio Foz contará con emisión online a través da nova páxina web do Concello, estendendo deste xeito o alcance da radio municipal a todos os fogares do concello e a todos os focegos que residen fóra”.

Exit mobile version