Non é a primeira vez nesta tempada que nas gradas dalgún que outro campo se produce algún comentario racista cara algún dos nosos xogadores, pero ata o de agora isto púidose parar e manterse como un suceso illado e puntual. Porén, nesta xornada a situación chegou a niveis que cremos superan os límites da dignidade e respecto cara calquera persoa.
Para resumir, a deriva dos feitos foi a seguinte: durante a primeira parte do encontro, nunha acción de disputa de balón entre os dous equipos, desde a grada dentro dun grupo de afeccionados locais berran o seguinte comentario, “VAITE NA PATERA”, no medio das risas de varios dos presentes; despois disto desde o noso banco pedimos ao arbitro do encontro que teñen que parar eses comentarios e que informe ao delegado de campo. Despois disto o partido continuou, esperando que só fora una comentario illado. Co comezo da segunda metade as risas e comentarios cara o noso xogador continúan, ata que no minuto 70, tal e como se recolle na acta do partido, outro grave insulto racista volve a saír da grada: “NEGRO DE MERDA”. Despois disto, o xogador claramente afectado ante os continuos insultos diríxese ao colexiado para que pare isto. Tras deter o partido durante 5 minutos, acción que tamén se recolle na acta, e sen que se tome ningunha acción para identificar e expulsar aos “individuos” protagonistas dos comentarios, o partido volve a poñerse en marcha, pero no primeiro momento no cal o noso xogador recibe un balón os berros e asubíos dende as grades volven a manifestarse. Ante isto, e totalmente abatido, o xogador en cuestión pide o cambio negándose a seguir xogando nestas circunstancias de total maltrato.
O CD Alfoz considera que todo o vivido no partido deste fin de semana é algo verdadeiramente serio e dunha enorme gravidade. O fútbol e o deporte ten que separarse e fuxir de toda falta de respecto e insulto a un deportista pola súa orixe ou cor de pel.