Critica que PP e PSOE pasen “de puntillas” por un debate que prexudicará gravemente a Galiza para beneficiar ás grandes empresas eléctricas
A deputada do BNG advertiu das consecuencias negativas de implantar a eólica mariña nas costas galegas, sobre todo, para o sector pesqueiro e criticou que PP e PSOE “pasen de puntillas” nun debate social ante a proximidade das eleccións e para que “non se note de que lado están”.
En moitas ocasións, dixo, comprobamos a coincidencia de PP e PSOE sobre as “terríbeis e radicais políticas ambientalistas da UE”, sen embargo, non son tan contundentes á hora de posicionarse en contra da implantación de muíños nas nosas costas.
Resulta chamativo, sinalou a nacionalista, ver como os que presumen de defender a ultranza a pesca galega aquí, tanto en Madrid como en Bruxelas, sobre esta cuestión non son capaces de apoiar ao sector pesqueiro, que rexeita unanimemente os POEM e unha “planificación enerxética feita a imaxe e semellanza da gran patronal eólica e das grandes empresas eléctricas”.
Na súa intervención, a deputada do BNG destacou a grande complexidade da plataforma continental galega, especialmente curta (entre 20-30 Qm) circunstancia que o PP e o PSOE parecen ignorar, a pesar dos informes científicos.
Nesa plataforma, engadiu, concéntrase unha elevadísima densidade en canto ao seu aproveitamento produtivo pesqueiro e marisqueiro, o PP e o PSOE prefiren seguir utilizando eufemismos e falar dunha “coexistencia” entre sectores, e mesmo chegan a afirmar que a concentración de máis de 100 caladoiros de pesca non é razón suficiente para que o POEM considere a actividade pesqueira como de interese prioritario.
Por outra banda, se sinalamos os graves efectos no sector pesqueiro en comarcas enteiras, PP e PSOE responden co anuncio de miles, e “ficticios”, postos de traballo na industria eólica mariña. E mentres existen miles de postos de traballo que dependen directa e indirectamente do sector pesqueiro, vostedes apostan por “unha hipotética creación de emprego” que en realidade, queda moi lonxe do que anuncian.
Rosana Pérez cualificou de “falaz” o argumento utilizado pola Xunta cando afirma que “a liña vermella” é a afectación á pesca, cando coñece dabondo as críticas do sector e da propia ministra para a transición ecolóxica, Teresa Ribera.
“Se falamos de que para Galiza hai unha previsión de ocupar 2.200 Qm. cadrados en fronte as nosas costas, “o 44% de todo o Estado”, por parques de eólica mariña, enriba do maior número de caladoiros de pesca e onde desenvolve a súa actividade principal a frota pesqueira do Estado, o PP e o PSOE entenden que iso forma parte dunha irremediábel e inmodificábel transición ecolóxica. E se falamos de que o POEM só contempla as competencias atribuídas ao Estado e anula as competencias de Galiza sobre ordenación do sector pesqueiro ou de protección do medio ambiente, PP e PSOE non lle ven ningún problema porque no fondo coinciden en que onde van estar mellor as competencias que nas mans do Estado. Ah!, pero logo a Xunta, cando hai que facer campaña e xogar a culpar ao Estado de todos os males, “desvíese por defender as competencias propias e ata presenta un proxecto de lei de ordenación do litoral”. Isto é o mundo o revés, ironizou a nacionalista, Rosana Pérez.
O seu posicionamento está claro. “Teñen asumido que a Galiza tócalle ser, unha vez máis, o que mande Madrid e, por suposto, o que decidan as grandes empresas do IBEX” . A mostra máis evidente son as propias alegacións da Xunta ao proxecto de POEM, unhas alegacións trufadas de consideracións técnicas sen entrar na consideración do sector pesqueiro como prioritario, a defensa de miles de postos de traballo, a riqueza que crea no país, e moito menos, a defensa do autogoberno galego.
O BNG, recalcou a deputada, “defende o sector pesqueiro, defende os nosos ecosistemas mariños e defende que Galiza teña voz á hora de tomar calquera decisión sobre a ordenación do noso espazo mariño.
Tal e como se demostra nos propios POEM, e no aliñamento da Xunta e do Partido Popular ao recollido neses POEM, “a enerxía eólica que concibe o PP e o PSOE non é en beneficio e Galiza”, por iso, propoñemos a retirada do POEM, tal e como solicita unanimemente o sector pesqueiro. E propoñemos volver ao consenso que se conseguiu aquí no ano 2009 para “declarar a Galiza como zona libre de eólica mariña”.