“Pedimos para este concello o mesmo que se xa se fixo noutras partes do Estado con proxectos serios e investimentos moi importantes”, alegou Pontón
“A transición enerxética é totalmente necesaria, pero esa transición enerxética debe facerse con xustiza e con democracia, e non para poñerlle a etiqueta verde ao espolio de toda a vida”, indicou, “e se en Galiza hai algún concello ao que se lle debe unha transición enerxética xusta ese é As Pontes, despois do peche da central térmica”.
E, nese sentido, o BNG formula dúas propostas concretas para revitalizar industrialmente este concello. En primeiro lugar, explicou Pontón, un concurso de transición xusta para os 1.400 megavatios liberados tras o peche da central térmica, como se fixo noutras partes do Estado, cando menos dos 700 megavatios que xa están dispoñibles.
“Un concurso que incentivaría proxectos industriais con investimento e creación de emprego no concello, mediante un proceso con bases de concorrencia e supervisado polo Goberno do Estado a través da empresa pública REDEIA, un concurso de transición xusta que implicaría a presentación de proxectos con rigor documental e con garantía bancaria para o seu cumprimento”, indicou a líder do Bloque.
Pero inexplicablemente, nin o Goberno do Estado nin o Goberno da Xunta están traballando nesa dirección, lamentou, e en lugar de “proxectos serios a través dun concurso xusto de transición, asistimos a unha serie de anuncios propagandísticos, unha especie de mercadeo sen rigor nin solvencia, porque máis aló de titulares de prensa non hai proxectos documentados e avaliado por unha autoridade”, explicou.
Ademais dese concurso de transición xusta, o Bloque tamén propón para revitalizar industrialmente As Pontes a creación dun Centro de I+D+i de almacenamento de enerxía no concello. “É evidente que conseguir almacenar enerxía é un elemento clave da transición enerxética, e desde o BNG queremos que Galiza se converta nun referente de investigación e innovación no eido do almacenamento de enerxía, porque é unha clave de futuro. As Pontes é o lugar idóneo, porque aquí hai todos os tipos de enerxía: ciclo combinado, eólica e hidráulica e estamos falando de investigar como almacenar enerxía”, argumentou.
No encontro coa candidata á Alcaldía, Carmela Franco, integrantes da lista do BNG ás municipais e co deputado da comarca, Ramón Fernández, tamén se abordou a necesidade de mellorar os servizos sociosanitarios. Dende o centro de día, Pontón lembrou que este equipamento social foi o último que se fixo nesta localidade en materia de servizos sociais, impulsado polo BNG desde o Goberno galego”.
Por tanto, As Pontes precisa máis servizos públicos para a súa veciñanza, como unha residencia pública de maiores pola que os veciños e veciñas levan 16 anos esperando e tamén é necesario mellorar as dotacións sanitarias do centro de saúde, reforzando o servizo de pediatría, aportando o servizo de xinecoloxía e tamén para poder realizar as probas de raios X, evitando desprazamentos a Ferrol.
“Son algunhas das propostas que o BNG defende para As Pontes e que forma parte dos obxectivos da candidatura que lidera Carmela Franco de cara ás eleccións do 28M. Unha candidatura con capacidade para construír a favor deste concello, que combina experiencia con renovación e que ten un proxecto de futuro para este municipio”, concluíu.