Míriam Bermúdez Convida a veciñanza e asociacións a participar neste acto para coñecer o proxecto que tranformará Viveiro
Viveiro, 21 de abril, 2023. O BNG convida á veciñanza a asistir ao acto de presentación da candidatura para as eleccións municipais do 28M, liderado por Míriam Bermúdez, o equipo que conforma o BNG está preparado para transformar Viveiro, un equipo diverso, unido, con formación e gran capacidade de traballo. O evento, aberto ao público, será este sábado 29 de abril ás 19.30 no Conservatorio e contará coa intervención de Daniel Castro, Parlamentario, e de integrantes da candidatura.
“O BNG está en ascenso e queremos dirixirnos ás persoas que teñen o corazón en Viveiro, a aquelas que están decepcionadas co actual goberno local e ás que xa colleron a papeleta nas pasadas eleccións a favor de Ana Pontón, porque confían en que somos unha forza política con garantía de solvencia e de eficacia para conseguir máis calidade de vida, mellores servizos, un concello máis adaptado ás persoas, aberta e amábel, con futuro e posibilidades de desenvolvemento económico”, explicou.
“Viveiro merece máis, merece o BNG no goberno local porque temos proxecto, con ideas novas, con traballo e vontade de desenvolver todos os recursos e de situarse na vangarda”, indicou Míriam Bermúdez.
O BNG vai ser a forza política que transformará o concello desde o goberno municipal, afirmou, cando as outras forzas que concorren a estas eleccións xa demostraron a súa ineficacia cando ocuparon a Alcaldía. “Queremos facelo con participación veciñal e en contacto co tecido asociativo, con transparencia, trasladando confianza, entusiasmo e ilusión”, engadiu, “e ese vai ser un dos nosos eixos de acción”.
“Este evento de presentación da candidatura vai servir para coñecer o equipo que temos preparado para transmitir o moito que pode gañar Viveiro co BNG no goberno municipal”.