Foz 29 de Abril 2023. O Pleno do Concello de Foz aprobou unha moción do BNG para mostrar o seu apoio á proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión, que impulsan as plataformas Vía Galega e Galiza Cultura. Este acordo plenario contou exclusivamente cos votos a favor do BNG.
O texto da moción recolle que o Parlamento galego, en 1984, consciente da importancia e do alto valor institucional e social dos símbolos como o escudo, a bandeira e o himno oficializou o Himno no artigo 4 da Lei de Símbolos coa composición «Os Pinos», poema de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga. Porén, o texto aprobado “non recolle as estrofas do poema «Os Pinos» da fonte orixinal pondaliana, senón que se basea nunha deficiente versión editorial realizada en 1935, no centenario do nacemento do poeta”. “O feito de esa edición ter herdado os erros e deturpacións textuais acumulados desde había anos explica o texto oficial do himno, que cómpre recuperar e actualizar catro décadas após a promulgación da Lei de Símbolos”, engade o documento.
Dende o BNG amosan a sua satisfacción, considerando que este vindeiro mes das Letras Galegas debería impulsar as demais institucións, nomeadamente o Parlamento cando tome a ILP en consideración, a sumárense a esta iniciativa para a restauración da letra orixinal do himno galego, para favorecer a correcta difusión sen erros, nin deturpacións dos símbolos do noso país.