Site icon Crónica3.com A Mariña

Música, teatro, danza, e moito máis na axenda cultural de Ribadeo para este trimestre

Ribadeo, 4 de abril de 2023. A axenda cultural do segundo trimestre deste 2023 arrinca estes días coa segunda semana do proxecto Píllara: o 6 de abril haberá unha acción colectiva na rúa coa actriz María Roja e o sábado no teatro proxectarase a película Panteras. As propostas deste trimestre, que presentou a concelleira de Cultura, Pilar Otero, inclúen danza, teatro, actividades para as crianzas, Cultura nas Parroquias e tamén música. A cantante Sés presentará o seu novo disco en Ribadeo o 6 de maio.

A edil ribadense manifestou: “desde a Concellaría de Cultura queremos informar dos eventos que conforman a axenda cultural neste segundo trimestre do ano. Estamos agora mesmo inmersas na segunda semana do proxecto Píllara, que como levamos difundido amplamente nestes días atrás, é unha reflexión a través da arte sobre a situación do cambio climático e na que o protagonismo téñeno as actividades co alumnado dos centros de ensino de Ribadeo. Esas actividades, que tiveron lugar a pasada semana, foron posibles pola colaboración total das direccións e profesorado de todos os nosos centros. Desde aquí queremos mandar o noso agradecemento”.

Otero Cabarcos explicou que “de aquí ao domingo 9 de abril van ter lugar as propostas en aberto, para público xeral, que por suposto inclúen tamén crianzas. Vai haber o 6 de abril, xoves, unha acción colectiva na rúa coa actriz María Roja, o sábado no Teatro proxectarase a película Panteras, de Andoni Canela, e durante toda a semana vai seguir no forte de San Damián a exposición sonora Óso de auga e na semana seguinte poremos o ramo a Píllara co lanzamento en redes de catro temas do concerto de OREKA TX que houbo que adiar polas tristes razóns que todos e todas coñecemos”.

A axenda do segundo trimestre do ano inclúe danza, teatro ou música. A concelleira de Cultura contou que “en canto á danza temos esta mesma fin de semana LAD Dance coa súa proposta Qualia e varios espectáculos de exhibición do alumnado desta sección da EMMeD. A Cultura nas Parroquias ten unha abondosa programación, con tres actuacións en escolas do mago Kiko Carrolo e do grupo As Cegas de Ouselle (voz, zanfona e acordeón) noutras tres. Falando de teatro propoñemos dous eventos de grande calidade. A compañía arxentina El Vacío Fértil representará El virus de la violencia, e A Panadaría trae o espectáculo gañador dos Premios María Casares, As que limpan”.

Pilar Otero indicou que “no que toca á programación para público infantil a través do programa Apego hai un espectáculo de cabaré para crianzas, en exterior, a cargo da compañía de Nelson Quinteiro; unha saída á praia para recoller e traballar con refugallo e que ten o nome de Na procura das bágoas das sereas e a participación na actividade Os anos que achegan. A festa da primavera, unha idea de participación interxeneracional, co idioma galego como fío condutor, e que involucra nenas e nenos da escola infantil de Ribadeo, dos dous colexios de primaria e de ciclos do CIFP Porta da Auga”.

A edil nacionalista seguiu a relatar que na parte do audiovisual Andrés López presentará o esperado documental sobre Yuma e Miguel Monteavaro o espectáculo en galego do EoNavia ,Orion. Tamén terán a súa propia programación cultural citas anuais como o Ribadeo de Tapeo e o Ribadeo Ilustrado”.

E engadiu: “para finalizar falamos da música, un xénero do que temos unha mostra ben abondosa de propostas neste segundo trimestre do ano, empezando por Arima Soul este mesmo sábado, 8 de abril. E para rematar, queremos anunciar tamén que Sés presentará o seu novo disco no auditorio municipal o 6 de maio. Agardamos que todas estas propostas sexan do agrado e conten coa asistencia do público ribadense e de quen nos visite este trimestre”.

Exit mobile version