Site icon Crónica3.com A Mariña

Mil ximnastas participarán nos eventos deportivos que esta fin de semana se desenvolverán en Ribadeo

Ribadeo, 13 de abril de 2023. Os concelleiros de Deportes e Turismo, Jorge Díaz e Pablo Vizozo, subliñaron a repercusión económica que terán en Ribadeo os eventos de ximnasia rítmica que esta vindeira fin de semana reunirán a 1.000 ximnastas na vila. Os torneos foron presentados no Concello nun acto que contou tamén coa presenza da responsable da Escola de Ximnasia Rítmica Porta Norte, Nelly Bouso, e do técnico municipal de Deportes, Iván López.

Nelly Bouso, da Escola de Ximnasia Rítmica Porta Norte, explicou que “esta fin de semana vamos acoller en Ribadeo dous eventos diferentes: o primeiro, que vai ser o sábado, é a primeira fase do campionato provincial escolar clasificatorio para o campionato galego, e máis o de promoción e prebase. É un campionato oficial organizado pola Federación Galega de Ximnasia, no que nós colaboramos. E o domingo, igual que en anos anteriores, volvemos acoller a fase norte da Liga Interescolas”.

Bouso subliñou que “en total, en toda a fin de semana, van pasar polo pavillón de Ribadeo case 1.000 ximnastas. O sábado serán de todos os clubs da provincia de Lugo e o domingo participarán ximnastas tanto de Lugo como de Coruña porque é a fase norte, na que están estas dúas provincias”.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, tivo palabras de agradecemento para a Escola Porta Norte: “darlle as grazas de novo a Nelly e ao seu grupo de monitoras, que é moi grande e teñen unha implicación enorme, porque outro ano máis fan aquí este evento tan importante para o concello de Ribadeo e para a contornada. Desde a Área de Deportes axudamos, como sempre, aportando todo o que podemos, non só para este evento senón tamén durante o resto do ano porque este club de ximnasia rítmica tan importante cremos que debe seguir funcionando”.

E o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, manifestou: “queremos agradecerlle á Escola de Ximnasia Rítmica Porta Norte, e concretamente a Nelly, a súa implicación na organización deste tipo de torneos, tanto do campionato provincial escolar como do torneo promoción e prebase, que se celebrarán este sábado; e o domingo a fase norte do torneo interescolas. En total vai contar coa participación dunhas 1.000 ximnastas nas nosas instalacións municipais. E tamén hai que salientar a enorme repercusión que este tipo de eventos teñen nunha vila como a de Ribadeo, non só xa no ámbito deportivo, que é evidente, senón tamén no aspecto económico”.

Exit mobile version