Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio cento de profesionais e estudantes de veterinaria participarán desde este venres nun curso de formación, co apoio de Medio Rural da Deputación

Lugo, 12 de abril de 2023. Medio cento de profesionais e estudantes de veterinaria participarán no curso sobre a figura do veterinario de explotación en gandeirías de vacún, que organiza o Colexio de Veterinarios de Lugo coa colaboración da área de Medio Rural da Deputación de Lugo. O programa , que se desenvolverá na sede do Colexio, inclúe seis xornadas formativas, que comezan este venres e que se extenderán ao longo do mes de abril e maio.

As funcións e responsabilidades do veterinario de granxa, o control de distribución, prescrición e dispensación de medicamentos veterinarios, a resistencia a medicamentos antimicrobianos, o control da calidade, trazabilidade e manexo de pensos, a normativa estatal de vixilancia de enfermidades, a lei de benestar animal e a súa aplicación nas granxas ou a xestión de puríns son algúns dos temas que se abordarán ao longo do curso, que conta cunha achega de 3.000 euros da área dirixida por Mónica Freire.

A deputada suliñou que “a formación destes profesionais facilita que as ganderías conten co asesoramento preciso para cumprir coa normativa vixente e previr a aparición de enfermidades ou situacións que afecten ao benestar dos animais” e explicou que “a actual preocupación pola evolución global de zoonoses por todo o planeta, como a gripe aviar, a peste porcina africana, ou os recentes brotes de lingua azul en ruminantes obrígannos a ser especialmente coidadosos nos protocolos e medidas preventivas de control a establecer polas administracións competentes, ahí radica o gran éxito de participación neste tipo de actividades formativas que tratamos de fomentar dende a área de Medio Rural da Deputación de Lugo”

Exit mobile version