Lugo, 16 de abril de 2023. A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro asistiu este domingo a XIV Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que se retomou tras tres anos e que contou coa colaboración da área de Artesanía e Deseño.
A responsábel provincial participou no acto inaugural e visitou o espazo do ferro, con demostracións en vivo e postos de venda dos ferreiros riotortenses Manuel Alonso, Agustín Iglesias, José María Cabo e Óscar Villada, ademais de artesáns do ferro do Corgo, Compostela ou Navarra.
Maite Ferreiro valorou o traballo realizado pola Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto para relanzar a feira, que demostra o potencial que a tradición do ferro ten como motor para a dinamización económica, social e cultural do concello.
Os ferreiros de Riotorto, un caso excepcional
A tradición do ferro remontase a varios séculos atrás. A mediados do pasado século XX os ferreiros e afiadores superaban amplamente a centena. A propia toponimia dalgúns núcleos poboacionais é ben elocuente ao respecto, (Ferreiravella, O Mazo, Carboeiro, A Ferrería…).
Os mazos, forxas, moas e outros elementos da chamada “arqueoloxía industrial” que se espallan polo concello constitúen, en si mesmos, una especie de museo ao aire libre. Distintos traballos e investigación, desde a obra do etnógrafo Xaquín Lorenzo ás investigación do estudoso local Miguel Abraira Pérez téñense detido na fonda cultura do ferro que acobilla Riotorto.
A Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros destaca que ainda hoxe Riotorto conta cunha serie de ferreiros profesionais en activo, que suporía, dacordo cos súas estimacións, o grupo homoxéneo de artesáns do ferro máis numeroso da península ibérica con escasos paralelos en Europa. Un verdadeiro tesouro etnográfico, e por outra un pequeno sector produtivo a conservar.