Ribadeo, 10 de abril de 2023. Co lanzamento a partir de hoxe, 10 de abril, de sete vídeos do concerto de Oreka TX + Banda remata o proxecto Píllara, no que participaron máis de 1.300 rapazas e rapaces de todos os centros de ensino de Ribadeo entre o 27 de marzo e o 9 de abril.
Estes vídeos forman parte da gravación do concerto de Oreka TX + Banda xunto coas artistas convidadas Noé Rodrigo, Teresa Jareño e a ribadense Irene Rodríguez, que se tivo que cancelar ao coincidir cos tres días de loito decretados do 1 ao 3 de abril.
Os vídeos poderán verse na canle de Youtube do Concello de Ribadeo (https://www.youtube.com/user/ConcelloRibadeo) de xeito gradual durante esta semana.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, fixo un balance moi positivo do programa Píllara: “por esta cita pasaron investigadores e investigadoras do CSIC -como Diana Zúñiga, Nicolás Villacieros e Luísa Martínez- e tamén o director da película documental Panteras, Andoni Canela. Este recoñecido fotógrafo de ampla traxectoria (forma parte do equipo de National Geographic )presentou o seu traballo neste filme que xira arredor dos maiores felinos do planeta e que obtivo 10 nominacións aos premios Goya”.
A edil ribadense dixo que “todos os eventos tiveron como protagonistas aos máis de 1300 alumnos e alumnas dos centros de ensino de Ribadeo (IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, CIFP Porta da Auga, CEIP Gregorio Sanz e Colexio Sagrado Corazón), que amosaron a súa total colaboración desde o momento en que se lles presentou este ambicioso proxecto”.
Otero Cabarcos contou que “tamén o público xeral tivo ocasión de participar en todos os eventos, e así na segunda semana, xa en plena época vacacional, tiveron lugar o concerto, a acción de rúa, a proxección do documental e a exposición sonora Óso de auga no Forte San Damián. Como vemos, estamos diante dun proxecto pioneiro que xunta cambio climático, conciencia social, arte e, sobre todo, mocidade. Queremos recordar que para desenvolver este evento contouse coa achega da Área de Mocidade da Deputación de Lugo”.
A edil ribadense lembrou que “Píllara, que colleu o nome deste paxariño que podemos ver na nosas praias, supuxo que o alumnado participara en 43 sesións interdisciplinares arredor do cambio climático desde o punto de vista medio ambiental, artístico e cultural. Iso foi durante a primeira semana. E xa na segunda semana, como apuntabamos antes,desenvolvéronse as actividades abertas a todo o público. Foron varios os escenarios elixidos para levar adiante Píllara: Forte de San Damián, auditorio municipal, Casa do Viejo Pancho, os propios centros de ensino, a Escola de Música e tamén houbo unha acción polas rúas peonís da vila, a da actriz e performer María Roja, que convocou arredor de sesenta persoas”.
Pilar Otero engadiu, para finalizar: “queremos agradecerlles a todos os centros de ensino a súa participación, aos ponentes que nos visitaron, aos artistas involucrados, e de xeito especial ao produtor deste proxecto, Mano Panforreteiro”.