Lourenzá, 11 de abril de 2023. Vilanova de Lourenzá acollerá os días 22 e 23 deste mes, sábado e domingo, unhas xornadas para achegar a figura de Francisco Fernández del Riego á xente nova. Están organizadas pola Mesa Coordinadora Don Paco, polas Escolas Deportivas Lourenzá e polo Concello e na presentación participaron representantes destas entidades.
A presidenta da Mesa Coordinadora Don Paco e alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explicou: “estas xornadas, que organizamos os días 22 e 23 de abril, son outras das moitas actividades que están enmarcadas dentro dese calendario de actos do ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. Nesta ocasión trátase dunha serie de eventos que van destinados á xuventude e que están moi ligados co deporte. Están organizados pola Mesa Coordinadora Don Paco e polas Escolas Deportivas do Concello e agardamos achegar a figura de Fernández del Riego á xente máis nova”.
Rocío López especificou que “as xornadas abarcan o campionato autonómico de orientación, haberá tamén unha exposición lúdica de xoguetes titulada Don Paco, o pícaro argalleiro, organizada por Patrimonio Lúdico Galego. O sábado á noitiña celebrarase a cea de clausura das Escolas Deportivas, como se vén facendo todos os anos. E a continuación haberá un concerto dedicado á xuventude onde actuarán os grupos The Rapants e Familia Caamagno. A entrada para o concerto é libre e de balde. A xornada do domingo será deportiva e no campo de Santa Cruz disputarase o trofeo Francisco Fernández del Riego cun encontro de fútbol entre as Escolas Deportivas Lourenzá e a U.D. Pastoricense”.