O profesor Lourenço Gomes presentará neste centro educativo o seu libro Monumentos: historia e interpretación sobre o centro histórico da cidade da Praia en Cabo Verde e tratará co alumnado a relevancia dunha data tan sinalada como o 25 de abril.
Este doutor en Historia, especializado en Historia da Arte e do Patrimonio Cultural pola Universidade Portucalense (Porto, 2008) é actualmente o xefe de equipo do Proxecto RESISTANCE/Uni-CV e durante moitos anos foi docente e coordinador da área temática de Historia así como membro do comité científico do máster en Patrimonio e Desenvolvemento da citada institución de educación superior. Ademais, asumiu a vicepresidencia do Consello Científico das áreas do CHS&CEJP da mesma universidade ata 2015. Tamén é membro do Centro de Estudos Africanos da Universidade do Porto e do CHAM-Centro de Humanidades da Universidade Nova de Lisboa e foi presidente de “The Antonio de Noli Academic Society”, con sede en Italia entre 2012 e 2014.
Á parte de artigos en revistas especializadas, publicou varios traballos bibliográficos sobre a historia de distintos lugares de Cabo Verde.
Vén colaborando nos últimos meses nas actividades que se desenvolven no IES Perdouro para poñer en valor os referentes e a cultura caboverdiana entre a comunidade educativa. Xa participou nun encontro que tivo lugar no mes de decembro e, por videoconferencia, no I Día da Literatura Caboverdiana na que se levou a cabo a lectura continuada do Chiquinho, unha das obras máis lidas da literatura de Cabo Verde.