Site icon Crónica3.com A Mariña

José Manuel Lamela presenta unha candidatura que combina renovación e experiencia para “para darlle ao Valadouro a estabilidade que necesita”

O alcaldable cre que apoiar á esquerda tería como resultado “seguir no bloqueo, dado que nin eles mesmos se entenden”

O Valadouro, 30 de abril de 2023. O responsable de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades do Goberno galego, Román Rodríguez, e o coordinador xeral e deputado mariñán, José Manuel Balseiro arrouparon á candidatura do PP do Valadouro de cara ás vindeiras eleccións municipais que encabeza José Manuel Lamela.

Trátase dunha candidatura que combina renovación e experiencia de xestión “para darlle ao Valadouro a estabilidade que necesita”. A lista confórmana un total de 19 persoas “comprometidas” e con perfís vinculados ás necesidades do municipio.

O alcaldable agradeceu aos seus compañeiros de lista “o esforzo por dar o paso para traballar e ser a alternativa ao desgoberno e á inestabilidade que vivimos nos últimos anos nos que O Valadouro foi máis protagonista polos desencontros protagonizados polo goberno local que pola súa xestión”.

A lista, en palabras do candidato popular, “non só foi deseñada para gañar; senón tamén para gobernar e impulsar proxectos cos que desenvolver o noso territorio”. De feito, engade, “creo firmemente que a única opción que representa un proxecto político serio, responsable e que traballe dende o rigor é a nosa formación”. E é que, segundo dixo, “apoiar ás forzas da esquerda tería como resultado seguir no estancamento e no bloqueo administrativo”.

Pola súa parte, José Manuel Balseiro subliñou que o que máis necesita O Valadouro é estabilidade política: “desde o 2013 este municipio non ten a estabilidade que merecen os veciños” e engade que “máis que un goberno é un desgoberno”. O popular alude aos recoñecidos desencontros dentro do propio goberno que, despois dun pacto entre o PSOE e o BNG, gobernan en minoría ao marcharse un concelleiro socialista da corporación municipal na metade do mandato. “Renunciaron os números 2 da lista do PSOE dos dous últimos mandatos -un en cada mandato-. É dicir, nin os do alcalde confían nel”, subliñou.

Así mesmo, considera que “o PP é a única alternativa” e, ademais, lembrou que “as infraestruturas máis importantes para o O Valadouro foron feitas por gobernos do Partido Popular”.

CANDIDATURA AO COMPLETO

A lista completa é a seguinte:

1.- José Manuel Lamela Piñeiro (69 anos, xubilado)
2.- Senén Castro Lorenzo (32 anos, enxeñeiro informático)
3.- Lorena Díaz Pita (26 anos, mestra de Educación Infantil)
4.- Ana Isabel Rubal Balseiro (45 anos, PSX)
5.- Juan José García Pedreira (60 anos, xubilado)
6.- Edgar Cao López (34 anos, técnico de Farmacia)
7.- Rocío Blanco Pliego (43 anos, superior de Administración)
8.- Ana María Pita Prieto (49 anos, autónoma agraria)
9.- Alfonso Cabanas Fernández (56 anos, albanel)

Suplentes:
1.- Ginés Cao Rivera (45 anos, xubilado)
2.- Juana Estrella García Parga (48 anos, docente)
3.- Justino Fernández Rolle (51 anos, autónomo)
4.- Zaira Fernández Vázquez (22 anos, administrativa)
5.- Uxía Ínsua Castro (24 anos, recepcionista)
6.- Cesáreo Seara Balmayor (74 anos, xubilado)
7.- Teresa Galdo García (65 anos, xubilada)
8.- Rafael Castro Sifontes (28 anos, albanel)
9.- Luis Campo Díaz (54 anos, almacenero)
10.- Jaime Fraga Expósito (54 anos, empregado)

Exit mobile version