Salientou o gasto social sen precedentes, incrementando as pensións, o SMI, o IMV, as axudas para os máis novos como o acceso á vivenda e aos estudos ou as medidas dirixidas a paliar a inflación
Entre os eixos principais das actuacións do Goberno, a subdelegada sinalou o Plan de Recuperación como folla de ruta con máis de 2.400 actuacións levadas a cabo na provincia que permitiron impulsar a modernización do modelo económico e produtivo lucense. “Queremos unha provincia verde, dixital, inclusiva, igualitaria, social e cohesionada e estes fondos van encamiñados en lograr este obxectivo”, remarcou Isabel Rodríguez, engadindo que o Plan de Recuperación do Goberno está a chegar a todos os recunchos da provincia.
Estes avances concrétanse nos preto de 34 millóns do Programa UNICO – Banda Ancha, que dotará de Internet de alta velocidade ao 100% do territorio; os 9 millóns de euros do Kit Dixital, que dixitalizarán máis de 2.400 empresas e autónomos; 6 millóns para plans de sostibilidade turística, 5,5 millóns para a rehabilitación de edificios públicos, outros 5,2 millóns de euros para a modernización e dotación de equipos de alta tecnoloxía sanitaria, ou os máis de 3 millóns destinados a desenvolver iniciativas de enerxía limpa, entre outros moitos.
Impulso ás infraestruturas
No que se refire ás infraestruturas e conexións da provincia de Lugo, Isabel Rodríguez puxo en valor os investimentos récord para cumprir co compromiso de modernizar o ferrocarril, con 550 millóns de euros para a liña Lugo-Monforte-Ourense; o avance para rematar a autovía A-54, con 86,6 millóns para o treito de Palas de Rei a Melide; o desbloqueo do proxecto da intermodal de Lugo, con 31 millóns de euros e outros 21 millóns para a renovación de túneles nas estradas da provincia. Así mesmo, destacou os máis de 6 millóns para a nova depuradora de Monforte e a mellora do saneamento en Guitiriz, a finalización da tan demandada glorieta na N-VI en Lugo, os preto de 6 millóns para medidas antinéboa na A-8, logrando unha explotación da vía durante o 99% do tempo; ou o recente centro de ciberseguridade ferroviaria de Monforte.
“Son algúns exemplos duns investimentos récord que colocan a Lugo no lugar que se merece e que dan pasos para convertela en referencia do noroeste español, con fondos para avanzar nas principais infraestruturas e completar grandes proxectos que mellorarán a calidade de vida da cidadanía, cos que o Goberno de Pedro Sánchez fai xustiza cos lucenses, destinando cartos para que a nosa provincia se beneficie da recuperación xusta”, manifestou a subdelegada, quen adiantou que “seguiremos traballando para reverter a parálise que sufriu Lugo con anteriores gobernos”.
Reforzo das políticas sociais
A subdelegada fixo tamén referencia ás medidas sociais implementadas polo Goberno de España “poñendo ás persoas no centro de todas as políticas e protexendo a maioría dos españois, aos que foron vítimas das políticas regresivas doutros executivos, á clase media e traballadora, aos pensionistas, á mocidade, así como aos colectivos máis vulnerables” e que se exemplifican en que un de cada seis euros dos orzamentos van destinados a gasto social.
Entre elas, citou a revalorización das pensións ao 8,5%, da que se benefician 114.000 lucenses; o incremento do Ingreso Mínimo Vital, chegando a máis de 10.000 persoas en Lugo; o aumento do salario mínimo, pasando de 735,9 euros brutos ao mes en 2018 aos 1.080 euros actuais; o Bono social eléctrico para rebaixar a factura de electricidade, do que se favorecen 11.000 familias lucenses; os case 6 millóns de euros para bolsas de estudios, das que se beneficiaron máis de 3.000 estudantes na provincia; o Bono Cultural Xove, cunha inxección económica de máis de 450.000 euros para o sector cultural da provincia e que están a desfrutar 1.139 mozos e mozas de Lugo, ou o Bono alugueiro para facilitar o acceso á vivenda aos máis novos.
“O empeño e esforzo do Goberno de Pedro Sánchez está a contribuír a reforzar a igualdade de oportunidades no territorio e o Estado do Benestar dos veciños e veciñas de Lugo, devolvendo dereitos, sen deixar a ninguén atrás”, afirmou a subdelegada.
Medidas para paliar a inflación
Isabel Rodríguez defendeu que, nun contexto marcado pola pandemia e a guerra en Ucraína, a economía española segue crecendo e creando emprego grazas ás medidas adoptadas polo Goberno de España para paliar a inflación. Así, lembrou a rebaixa do IVE en determinados produtos alimentarios, o abaratamento do recibo da luz, a denominada ‘Solución Ibérica’ para limitar o prezo do gas natural, que vén de ser prorrogada por Bruxelas ata final de ano, a rebaixa de 20 céntimos nos combustíbeis, a gratuidade dos abonos de transporte ferroviario, os 68 millóns de euros en axudas directas ao sector da pesca ou os 362 para gandeiros e agricultores, entre outros.
E a estas hai que engadir todas as actuacións encamiñadas a garantir o emprego e o mantemento do tecido empresarial, como son os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), que xa demostraran a súa efectividade durante a pandemia, así como unha liña de avais do Instituto de Crédito Oficial (ICO) por 10.000 millóns de euros destinada a garantir a liquidez de empresas e autónomos.
“Son moitos os retos e tamén as oportunidades que ten Lugo por diante nos vindeiros meses. Co impulso do Goberno de Pedro Sánchez, que cumpriu como ningún outro coa provincia, conseguiremos reducir as fendas sociais e aumentar a produtividade e o crecemento da economía ”, rematou a subdelegada.