Esta actuación enmárcase dentro da subvención de 30.000 euros recibida e destinada á realización de diversas melloras no Monte Castelo e noutros lugares turísticos de Burela.
O alcalde, Alfredo Llano, explicou que “no muíño que había en Cinoche, na Vila do Medio, acabamos de colocar un cartel informativo no que se ve como era e como funcionaba este muíño”.
O rexedor dixo que “esta actuación forma parte do proxecto de mellora do Monte Castelo, que combina turismo, medio ambiente e etnografía. O muíño de Cinoche está na ruta circular de sendeirismo, co que agardamos que sexa un atractivo máis para as persoas que acudan a desfrutar deste deporte e tamén de toda esa contorna”.
As obras de mellora na Área Recreativa do Monte Castelo incluíron a colocación de mesas e bancos, segundo indicou o alcalde: “incluso vamos poñer unha especie de pedestal para que os nenos pequenos poidan subirse e usar o telescopio. Tamén instalamos mesas e bancos novos para sentarse a merendar ou simplemente a falar. E ademais imos plantar árbores autóctonas de interese botánico”.
Llano considera que “en pouco tempo rematarán todos estes traballos, que cambiarán a imaxe do Monte Castelo. Animamos aos veciños e ás veciñas de Burela a facer sendeirismo, a ver e a gozar de todas as actuacións realizadas. E para a xente da comarca e para os turistas vai ser un motivo máis para visitar o noso concello”.