“Agora todos os días nos explican unha proposta nova, algunhas que son de hai 6 anos e xa estaban no Concello, e que non realizaron no seu momento, coma a de Conde de Fontao. A eliminación da plusvalía tamén a puido levar a cabo durante os seus oito anos de goberno e non o fixo” Indica a número 2 da lista do PSdG-PSOE e actual concelleira de facenda, Inés López Couto.
“A verdade é que nos quedamos pasmados coas aseveracións do líder do Partido Popular en materia impositiva. O único que podemos crer como certo son os feitos de como actuou no seus oito anos de mandato. A realidade é que realizou catro subidas do IBI, coñecido como contribución, consecutivas e que suman máis dun 46%” e continúa “non se lles pode mentir aos veciños, como xa ten por costume, queda moi bonito dicir que se vai bonificar aos empadroados a contribución pero iso so é unha mentira, xa que en todo caso sería ilegal”.
A explicación debe basearse na lei: o Real Decreto Lexislativo 2/2004 regula as bonificacións que o estado lles permite aos municipios en materia de tributos municipais e son estas as únicas que se poden aplicar, non sendo posible facer unha “bonificación para empadroados, que a pesar de ser moi populista é unha medida que vai en contra do principio de Igualdade que marca a nosa Constitución”.
“Unha vez máis volve vender fume, coma a irrealidade na que vivía no 2015 co megaporto e o centro de ocio integrado de 5.000m2 que o acompañaba, ademais de moitos outros engadidos daquel súper-proxecto. Quizais falta vivir máis na realidade dos habitantes de Foz.” E finaliza “o resto de insultos habituais, non vamos entrar a valoralos”.