Site icon Crónica3.com A Mariña

“Hortos (ou hortas) urbanos” por Alfredo Llano

O Concello de Burela leva anos traballando no proxecto europeo “Concellos polo clima e a enerxía”, onde tratamos de establecer as actuacións e estratexias para mitigar e adaptar medidas contra o cambio climático, colaborar nos obxectivos de desenvolvemento sostible 2030 e manter o propósito firme de que Burela sexa un auténtico ecosistema onde a actividade social estea integrada no medio ambiente e viceversa.

Como consecuencia disto aprobamos, por unanimidade, un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que consiste nun paquete de medidas orientadas a melloras ambientais, aforro enerxético, xestión óptima da auga, humanización de rúas, mitigación de CO2 e de todas aquelas que sexan favorables para acadar unha óptima calidade ambiental. O Plan contén os orzamentos para a execución das diferentes accións. Orzamento que se nutre de recursos propios e de axudas autonómicas, centrais ou europeas.

No Concello de Burela xa se foron realizando, en coherencia co PACES, varias propostas como o control de fugas no abastecemento e distribución da auga (en sete áreas hai detectores que informan constantemente a unha central), analizador permanente da calidade do aire, plantación de frondosas, instalación de placas fotovoltaicas e solares térmicas, alumeado público con LED, humanización de rúas, rutas de sendeirismo e creación de hortos urbanos. Esta última merece mención aparte.

Hai un ano que se repartiron 43 parcelas de 35 metros cadrados nunha finca-solar situada en Arcadio Pardiñas. A transformación total que acadaron os usuarios foi evidente en pouco tempo, onde se trocou terra a bravo por pequenas fincas cheas de diversidade de froitos e de artesanía estética. No outono pasado xa se fixo a primeira festa da colleita, onde se notou a calidade e cantidade de produtos, derivada do traballo, interese e dedicación que todos amosaron.

Esta iniciativa, a dos hortos, foi a que ensinou o camiño a seguir para valorar o cultivo propio de produtos naturais, alimentación de calidade total sen empregar abonos ou fertilizantes químicos, coñecemento para entender a dinámica dos diferentes cultivos, tratamentos naturais, técnicas de aforro da auga e, sobre todo, a cultura da cooperación en todos os eidos. Os hortos recuperaron a costume, tan galega, de compartir, colaborar, aportar e ter visión ampla da importancia de cultivar en colectividade, ou que o colectivo cultive como método de garantir a produción de alimentos abundantes e de calidade para todos.

Están principiando a segunda tempada e nótase, séntese, a ilusión e a confianza dos usuarios para acadar unha nova colleita producida entre todos, tendo como base fundamental a solidariedade ben entendida e ben aplicada.

A verdade é que da gusto observar o ben que se entendeu o propósito dos hortos urbanos. Agora que a alimentación está a ser protagonista, condicionando a economía e contido da cesta da compra, vese clara a necesidade de contar cun abastecemento alimentario de confianza e próximo.

Con sinceridade penso que en Burela, na Mariña e en Galicia, debemos espallar a filosofía dos hortos urbanos, que se recupere o cultivo masivo de alimentos básicos para abastecer á poboación ao mesmo tempo que apreciamos o valor indiscutible da natureza. Compromiso e colaboración para evitar o asentamento do cambio climático.

Alfredo Llano García (alcalde de Burela)

Exit mobile version