Onte, a procesión do Santo Enterro contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do novo delegado do goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, que acompañaron á alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e ao conxunto da comitiva institucional.
“O primeiro balance provisional non pode ser máis satisfactorio, está sendo unha Semana Santa moi especial, con moita xente doutros lugares de España e o estranxeiro”, afirma María Loureiro, que agradece “o intenso traballo desde hai meses da Xunta de Cofradías de Viveiro e a implicación dos nosos veciños e veciñas”.
Na xornada de hoxe, sábado, celebrarase ás 19:30 horas a procesión da Esperanza da Resurección; e mañá domingo, ás 12:00 horas, a procesión do Encontro da Resurrección, e a procesión do Vía Lucis ás 20:30 horas.
Ademais, continúan as visitas guiadas para coñecer o patrimonio cultural de Viveiro. “Uns días que tamén son moi importantes para a economía local; moitas grazas ao sector servizos, aos establecementos de hostalería, hospedaxe e comercio, polo esforzo que están a facer para atender aos milleiros de persoas que nos visitan”, remata a alcaldesa.