Site icon Crónica3.com A Mariña

Gómez Besteiro reivindica na súa toma de posesión a “política para as persoas” e compromete facer da Delegación “un Goberno a pé de rúa”

Téndelle a man ao presidente da Xunta para “facer política de verdade entre todas as administracións” ante “unha oportunidade histórica” polos fondos do Plan de Recuperación do Goberno

A Coruña, 3 de abril de 2023. O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe na súa toma de posesión a “política para as persoas”, baseada na cooperación, no diálogo e na defensa do interese común. No seu primeiro discurso como responsable do Goberno en Galicia, Gómez Besteiro avogou pola “política que sirve para remover obstáculos, corrixir inxustizas e facer unha Galicia e unha España máis xustas”, como está a facer o Goberno de Pedro Sánchez.

Na súa intervención, o delegado do Goberno na Comunidade, repasou as prioridades cara esta nova etapa, na que se comprometeu a facer da Delegación “un Goberno a pé da rúa”, que priorice na súa acción a proximidade coa cidadanía. E, nesta liña, tendeulle a man ao presidente da Xunta de Galicia para “facer política de verdade entre todas as administracións” ante “unha oportunidade histórica” polos fondos do Plan de Recuperación do Goberno.

Xustiza social, económica e ecolóxica

Do Goberno de Pedro Sánchez louvou “a capacidade para afrontar as crises con rapidez, resolución e acerto” e a “imbatible determinación para facer prevalecer os intereses da maioría fronte a calquera outro”. Xunto a estas cualidades, o delegado recollerá a tarefa de “impulsar os principios que sustentan o noso Goberno, que son a xustiza social, a xustiza económica e a xustiza ecolóxica”.

No que respecta á xustiza social, lembrou a acción do Goberno fronte aos efectos da pandemia e da guerra, que demostra que “hai outra maneira de saír das crises: facelo sen deixar a ninguén atrás”. “Chegamos a todas as familias galegas e a todos os seus membros”, coa revalorización das pensións, a suba do salario mínimo, as becas ao estudo ou o ingreso mínimo vital.

A xustiza económica, que vai máis aló do simple investimento, e que se manifesta no Plan de Recuperación do Goberno, que “chega a cada un dos concellos galegos, do máis grande ao máis pequeno”, na carga de traballo ao sector naval ou nas infraestruturas, que “agora si, conectan a Galicia co resto de España e de Europa dunha forma rápida, e contribúen ao tan ansiado equilibrio territorial.”

E, por último, a xustiza ecolóxica, que “impulsou a este Goberno a crear unha reconversión industrial” e que posibilita que Galicia reciba “investimentos millonarios para novas enerxías como o hidróxeno verde, para enerxía limpa nos municipios máis despoboados ou para a transición das centrais térmicas”.

Retos de seguridade

Como máximo responsable da seguridade do Estado en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro recoñeceu o traballo da Garda Civil e da Policía Nacional como garantes da liberdades públicas “con valor, dedicación e compromiso persoal”. Ante os máximos responsables do CNP e da Garda Civil en Galicia, trasladou o compromiso de continuar a mellora de plantillas iniciadas nesta lexislatura.

Respecto aos retos da seguridade, puxo o acento na tarefa de protexer as vítimas da violencia machista, unha situación intolerable na sociedade. Nesta tarefa, xunto á acción policial, o delegado defendeu a necesaria “cogobernanza entre administracións”.

Acto institucional

José Ramón Gómez Besteiro prometeu este mediodía o seu cargo sobre o artigo 14 da Constitución que proclama a igualdade perante a lei, nun acto institucional que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o ministro de Sanidade, José Miñones e o secretario de Estado de Política Territorial, Alfredo González. Xunto a eles, asistiron os máximos responsables de institucións políticas, xudiciais e militares de Galicia: presidente do Parlamento, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e fiscal superior e o xefe do mando de Apoio á Manobra do Exército de Terra. Tamén os subdelegados do Goberno e responsables de organismos estatais en Galicia.

No que respecta á administración local, estiveron presentes no acto os presidentes das Deputacións Provinciais; alcaldes e alcaldesas de cidades e concellos das catro provincias. Tamén asistiu unha nutrida representación dos deputados e deputadas; senadores e senadoras; e deputadas e deputados do Parlamento de Galicia.

No acto estiveron representantes de colectivos culturais de Galicia, como o presidente da Real Academia Galega; así como de outras institucións profesionais, medios de comunicación e colectivos de distinta índole.

Exit mobile version