Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu’: 90 minutos de cinema documental na Rede sobre a vida e o legado do autor das Letras Galega 2023

A produción amosa os distintos perfís dun home polifacético que foi figura central da historia cultural da Galicia do século XX

A Coruña, martes 25 de abril de 2023. “Se algo caracterizaba a don Paco era o seu entusiasmo, sempre vía a botella medio chea para seguila enchendo”, conta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, no sexto episodio de Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu. A RAG acaba de estrear na súa páxina web e na canle de Youtube institucional a derradeira entrega desta produción propia realizada por Miramemira, cuxo título reflicte esa capacidade do protagonista do Día das Letras Galegas 2023 de non deixarse vencer nunca polas adversidades, ese compromiso de traballar sen descanso a prol do país de quen foi unha figura central da Galicia do século XX. Complétanse así 90 minutos de cine documental na Rede sobre a vida e o legado dun home quizais ata o momento coñecido sobre todo como editor, pero que foi moito máis. A serie, con guión de Belén Rivero e dirección de Damián Varela, amosa os seus diversos perfís e percorre a súa vida dende o seu nacemento en 1913 ata o pasamento en 2010.

Del Riego foi un brillante líder estudantil na Compostela dos anos 30, na que defendeu de maneira rotunda a galeguización da universidade e foi membro do Seminario de Estudos Galegos. Malia a súa mocidade, naqueles anos gañou o respecto das grandes figuras do Partido Galeguista, dende Ánxel Casal a Alexandre Bóveda. A guerra truncaría unha prometedora carreira como profesor de Dereito e viríase na obriga de acudir á chamada do exército sublevado para salvar a vida. “Fun sinalado para ser paseado”, lembraba el mesmo nunha das entrevistas audiovisuais que forman parte do fondo documental da serie, que contou con materiais de arquivo da TVG, a USC, a Fundación Penzol, o CGAI a propia RAG, entre outras fontes.

O Xoán XXIII da RAG e o “home bo” das negociación en Citroën

Tras a guerra e xa instalado en Vigo, don Paco e converteríase nunha figura central da resistencia cultural do galeguismo, impulsando numerosas iniciativas que procuraron a recuperación da lingua e a identidade de Galicia en tempos escuros. Del Riego foi cofundador en 1950 da editorial Galaxia, exerceu de ponte entre a xeración Nós e as vindeiras, foi igualmente nexo entre o exilio interior e a diáspora en América, dirixiu a Fundación Penzol durante máis de catro décadas, propuxo en 1963 no seo da Real Academia Galega a creación do Día das Letras Galegas e, pasados xa os 80 anos, presidiu esta institución entre 1997 e 2001. “Ninguén apostaba que fixese ningún cambio pola súa idade e foi o Xoán XXIII da Real Academia Galega”, compara Malores Villanueva, biógrafa de don Paco e unha das voces participantes na serie. “Neses catro anos á fronte da institución promoveu a dixitalización de fondos, a revisión dos estatutos e unha chea de modificacións internas, entre elas a limitación dos mandatos da presidencia, que ata daquela eran vitalicios”, lembra Víctor F. Freixanes.

A súa capacidade de suscitar consensos demostraríaa ademais alén do ámbito cultural. “Algo que non se coñece moito é que el foi o home bo nos conflitos de Citroën. Cando os sindicatos non se poñían de acordo coa empresa nas reivindicacións, ía Paco e conseguía que se puxesen de acordo”, conta a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia no peche da serie.

Máis de 4 000 entradas en prensa, libros de divulgación e unha única novela

A última entrega detense na produción literaria dun gran cultivador da divulgación e do xornalismo de opinión que deixou tamén dous grandes libros sobre distintos persoeiros das nosas letras, dous de memorias –O río do tempo e Camiño andado-, diversos volumes nos que plasmou a súa paixón polas viaxes e unha única novela, O cego de Pumardedón, que bebe da experiencia da guerra civil.

O novo episodio afonda ademais no seu papel á fronte da Fundación Penzol, desvela o seu amor pola arte e amosa unha faciana máis íntima e cotiá, coma nos capítulos previos. “Era un home moi amigo da vida. Ía ver o partido todos os domingos a Balaídos cun puro. Integrábase coa xente, todo o mundo coñecía a Paco”, lembra Camiño Noia. “A Fundación Penzol era o seu fogar. Teño gravado algo que me dixo: gustaríalle morrer cun puro nas mans e os pés na Penzol”, comparte Malores Villanueva.

“A súa escolma da poesía galega contemporánea, un libro do ano 1955, foi unha gran novidade. Aí aprendemos a ler todos os da miña xeración e da posterior. Nela lin a Otero Pedrayo, a Lorca…”, rememora Xesús Alonso Montero, daquela aínda un mozo. “Del Riego foi un divulgador. Parece que a xente prefire ser creadora e non divulgadora, pero o divulgador tamén fai falta”, reivindica o académico. “Comezou a escribir artigos no primeiro terzo do século XX, que é o gran momento en que a prensa se afianza como medio de comunicación de masas. El sabe ver iso perfectamente e utilizouno para divulgar a cultura galega”, engade Rosa Aneiros, gañadora do premio de xornalismo de opinión que leva o nome de don Paco. “Hai máis de catro mil entradas en prensa de Paco del Riego: na diáspora, en órganos políticos, en prensa de información xeral, pregóns, en publicacións de todo xénero”, detalla a académica Margarita Ledo Andión.

O crítico literario e académico correspondente Ramón Nicolás pon o acento no cultivo de don Paco de dous xéneros pouco explorados na literatura galega: o das memorias e o dos libros de viaxes. “En Galicia, publicado en 1994 por Xerais, hai un aquel de innovación. É un libro de viaxes pero no que tamén intervén en parte a ficción. Crea un personaxe, Ramón Sanfiz, que na realidade é el, é unha especie de álter ego”, explica.

Un serie realizada por un equipo novo e con voces de distintas xeracións

Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu é unha serie da RAG realizada por un equipo de xente nova. A limiá Belén Rivero asina o guión e o lugués Damián Varela, a dirección do documental, que se levou acabo co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia e Innovación. “Ao longo dos seis episodios coñecemos un Francisco Fernández del Riego que non deixa de abraiarnos pola súa capacidade de actuar en todos os ámbitos posibles para facer da súa idea de Galicia unha realidade. Como di o seu biógrafo Manuel Román, en Lourenzá, lugar que o viu nacer, mamou a lingua e a cultura, pero o seu grande amor foi Galicia”, salienta Belén Rivero.

A narración avanza coas lembranzas de persoas que coñeceron e estudaron a figura de don Paco, e tamén coa vivencia de autoras e autores das novas xeracións da conmemoración do Día das Letras Galegas que o propio Del Riego propuxo crear no seo da RAG en 1963, cando se celebrou por primeira vez cadrando co centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Son Malores Villanueva, Manuel Román, Ramón Nicolás, María Xosé Queizán, César Cunqueiro, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Fina Casalderrey, Margarita Ledo, Camiño Noia, Francisco Castro, Xosé Manuel Soutullo, Dolores Vilavedra, Patricia Arias Chachero, Antón Santamarina e Víctor F. Freixanes; e mais Rosa Aneiros, Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Tamara Andrés, Cándido Paniagua e Ledicia Costas.

Tamén participan na serie alumnos e alumnas do CEIP Juan Rey, a escola de infantil e primaria de Lourenzá; e mais o músico do Valadouro Nuno Pico, coñecido como Grande Amore, o comunicador Matías Tarrío e o escritor Bernardo Penabade, encargados das voces en off de don Paco nos anos de mocidade, madureza e vellez, respectivamente. A música da serie foi creada por Álvaro Trillo, que recorreu á percusión inspirándose no propio carácter de don Paco.

Canto aos espazos, a rodaxe realizouse nas tres localidades que marcaron a vida de Francisco Fernández del Riego: a súa Lourenzá natal, Santiago de Compostela e Vigo.

A montaxe enriqueceuse con material dos arquivos audiovisuais da CRTVG, o CGAI, a Filmoteca Española, Ricardo Gurriarán e a USC, e fotografías e outra documentación da Fundación Penzol, a Editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, Manuel Román e Lume Aceso, entre outras entidades.

Exit mobile version