Foz, 3 de abril, 2023. Despois de conseguir o cinturón ibérico de kickboxing, Vanesa Ares, co seu club Foz Contact Ari, e o Concello de Foz, presentan a IV Arenka Fight Night.
O pavillón Torques de Marzán será o epicentro do kickboxing o vindeiro sábado 8 de abril. Clubs asturianos e galegos achegarán a grandes e prometedores loitadores, entre os que haberá campións galegos de kickboxing, e que nos farán vibrar en grandes pelexas.
A velada comezará ás 19:30h cunha exhibición do alumnado desta disciplina nas Escolas Deportivas Municipais de Foz. A canteira deste deporte, da man da campioa Vanesa Ares, amosará o seu traballo durante este primeiro curso nas EDM e seguro que sorprenderán.
A concelleira de Xuventude e Deportes, Gema Méndez Leivas, anima a gozar deste evento que seguro que entusiasmará ás seguidoras e seguidores deste deporte, e que sorprenderá a aquelas persoas que se acheguen por primeira vez.
As entradas xa están á venda no bar Escairo (ao carón do pavillón) e tamén poderán adquirirse no pavillón o mesmo sábado.