Barreiros, 1 de abril de 2023. Os gobernos municipais de Barreiros e Ribadeo, encabezados pola a alcaldesa e o alcalde respectivamente, revisaron na mañá de onte as obras levadas a cabo nun viario que une ambos concellos ao paso polas parroquias de Vilamartín Pequeno e Arante, concretamente por Remourelle.
Ana Ermida manifestou a “súa satisfacción por poder levar a cabo este tipo de proxectos coordinadamente que contribúen a beneficiar á veciñanza de ambos concellos” no encontro que mantivo na mañá de onte co alcalde de Ribadeo, cando percorreron os máis de dous quilómetros de aglomerado en quente co que foi reposto o firme do viario.
A mandataria sinalou a importancia da colaboración interadministrativa e de fomentar as relacións entre concellos veciños, xa que “permite un mellor uso dos recursos públicos, que son utilizados dun xeito máis eficiente e, polo tanto, con maior aproveitamento para a totalidade da veciñanza”.
A boa relación entre estes dous concellos permitiu levar a cabo esta obra de xeito coordinado e que o firme quede o máis homoxéneo posible. Neste sentido, puxeron en valor a capacidade de entendemento no día a día que se dá nos últimos anos entre ambos municipios, o que permitiu non só esta actuación, senón o desenvolvemento de accións conxuntas, como os obradoiros de emprego; que contribúen a crear sinerxias e permiten maiores e mellores servizos para a poboación.
Ermida e Suárez agradecéronse mutuamente a capacidade de chegar a este tipo de acordos e manifestaron a intención de continuar con actuacións conxuntas que melloran a vida das veciñas e veciños dos seus concellos.