Site icon Crónica3.com A Mariña

En marcha os traballos de aglomerado na estrada de acceso a Ribadeo polo campo de fútbol Pepe Barrera e que poderían implicar algúns cortes de tráfico

Ribadeo, 19 de abril de 2023. Estes días realízanse traballos de aglomerado na estrada de acceso á vila que discorre a carón do campo de fútbol Pepe Barrera. Estas tarefas poderían implicar estes días algúns cortes de tráfico, segundo contou o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.

O rexedor dixo que “xa na parte final da execución desta importantísima obra que estamos facendo en Ribadeo a través da Deputación de Lugo, coa que se está mellorando moitísimo o acceso á vila desde as parroquias do interior, coa ampliación da ponte de FEVE e con toda a mellora deste vial pola zona da Faxarda, desde hoxe están descargando todo o material para iniciar o aglomerado e xa encarreirando a parte final desta obra”.

Suárez Barcia subliñou: “queremos advertir á cidadanía, sobre todo á que vive por ese entorno, que durante 2 ou 3 días de maneira intensa vaise estar aglomerando, vai haber algúns cortes de tráfico, pero faise necesario para que se cadra xa para a semana que vén se poidan dar xa os últimos toques para que esta obra sexa operativa e válida para os alumnos e alumnas dos colexios, para toda a cidadanía das parroquias do interior que entra na vila por esta zona e, definitiva, para todo o público en xeral”.

Exit mobile version