O edil burelés relatou que “os días 15 e 16 contaremos coa celebración dunha proba de Enduro puntuable para a Copa Galicia, que se vai celebrar aquí no Monte Castelo, en Burela, e ademais vai ter unha peculiaridade que nunca se fixo aquí, que é un descenso urbano que percorrerá as rúas da nosa vila, o que nos vai obrigar a facer cortes de tráfico importantes”.
Fernández Rey sinalou que “a realización desta proba é unha iniciativa que parte da Acia de Burela xunto co club Cerezo Bikes e que evidentemente o Concello apoia e vai estar colaborando en todo o que é a organización deste evento, xa que entendemos que é importante para Burela tendo en conta que a día de hoxe conta con 150 participantes inscritos e pode ser un revulsivo tanto económico como de promoción para Burela”.
O concelleiro de Deportes subliñou que “ese descenso urbano que vai ser novidoso en Burela e espectacular, porque desde Cerezo Bikes van poñer plataformas ao longo das rúas para ver as habilidades destes corredores, e todo isto vai afectar ao tráfico rodado”.
Sobre os cortes de tráfico Ramiro Fernández contou que “a partir do xoves pola tarde vaise restrinxir o aparcamento nas rúas Pascual Veiga e Eijo Garay. A saída e a chegada da proba vai ser desde a praza do Concello e os tramos afectados polo percorrido terán esas limitacións para poder estacionar. Desde o venres ás oito da mañá ata o domingo ás tres da tarde vai estar cortada ao tráfico a rúa Pascual Veiga, xa que haberá estruturas montadas polo que non será posible circular por ela. En Eijo Garay tamén haberá un corte de tráfico no primeiro tramo desde o sábado ás dúas da tarde ata o domingo ás tres da tarde, xa que aí haberá uns saltos que imposibilitarán o tránsito por esa rúa. E no horario dos adestramentos, que serán o sábado de catro a oito da tarde, e o domingo durante a celebración da propia proba entre as doce do mediodía e as tres da tarde estará cortado o tráfico nun treito de Arcadio Pardiñas. Tamén se verán afectadas as rúas coincidentes con estes vieiros, tanto con Pascual Veiga, como con Eijo Garay e Arcadio Pardiñas”.
O edil burelés dixo que “estamos a falar de cortes de tráfico importantes e é necesario que a veciñanza se mentalice de que van ser así. Para poder desenvolver esta proba temos a obriga de garantir a seguridade dos corredores e do público. Agardemos que estas medidas non afecten moito á vida diaria das veciñas e dos veciños, pero somos conscientes de que se trata de cortes importantes. Desde o Concello habilitaremos rúas de dobre sentido para tentar aliviar todo isto, como vai ser a rúa do Mariñeiro, a rúa Canabal e a rúa Rosalía de Castro no seu primeiro tramo. O tráfico pesado non vai poder entrar en Burela. Vai ser desviado pola estrada N-642 ou polo acceso ao porto co obxectivo de evitar atascos e problemas. E estará garantido o acceso dos buses que teñan que vir á estación de autobuses, xa que habilitaremos unha entrada polo rúa do Correo desde Arcadio Pardiñas”.
Fernández Rey indicou que “os planos detallados con todos os cortes estarán colgados na páxina web do Concello de Burela e habilitamos tamén o teléfono da Policía Local 608 555 300 entre as oito da mañá e as tres da tarde para que calquera poida solicitar a información que precise sobre estes cortes de tráfico”.
Ademais pide “as disculpas oportunas polas molestias que se poidan ocasionar. E pedir tamén paciencia ás veciñas e aos veciños de Burela”.
O concelleiro de Deportes insistiu en que “para nós é unha proba importante, é unha aposta de Acia Burela, de Cerezo Bikes e do Concello, vai ser espectacular, a xente vai disfrutar deste descenso urbano e agardemos que sexa un éxito e que se poida repetir no futuro e que todo discorra dentro da normalidade”.