O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na xornada organizada por Red Localis e a Confederación de Empresarios de Lugo
Viveiro, 26 de abril de 2023. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe en Viveiro que Galicia incrementará a súa dinamización industrial na medida en que acelere a colaboración entre administracións e coas propias empresas.
Conde, que participou nunha xornada organizada por Red Localis e a Confederación de Empresarios de Lugo coa colaboración da Xunta de Galicia, subliñou que a axilidade administrativa ten que ser unha das principais prioridades. Neste sentido, lembrou que a través da figura dos Concellos Emprendedores Galicia busca aliñar os municipios na política de simplificación para facilitar a implantación de empresas na comunidade e captar novos investimentos cara ao tecido empresarial. Na provincia de Lugo hai en total 24 Concellos Emprendedores, dos cales seis están na Mariña: Barreiros, Cervo, Lourenzá, Mondoñedo, O Vicedo e Xove.
Estes son tamén os obxectivos da Lei de simplificación administrativa e da Oficina Galicia Empresa, a través da cal se ofrece asesoramento e información ao tecido empresarial. Na súa intervención o vicepresidente primeiro lembrou que o empresariado da provincia conta tamén con iniciativas como Conecta Lugo, con sede en Ribadeo, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo.