Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron os traballos de reparación na praza da Mariña de Burela

Burela, 12 de abril de 2023. O Concello realiza traballos de reparación na praza da Mariña. Ademais da substitución de plaquetas tamén inclúe o soterramento das liñas eléctricas, segundo deu a coñecer o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández. O investimento ascende a 30.000 euros.

O edil burelés contou que “no día de onte empezaron unhas obras que tíñamos programadas para a reparación das zonas máis estragadas da Praza da Mariña. Tiña varias partes nas que as plaquetas estaban levantadas e, ao ser unha praza tan concorrida, decidimos actuar nesas zonas máis danadas. Ademais disto vamos soterrar as liñas eléctricas aéreas que hai alí para darlle vistosidade e quitar ese feísmo da Praza da Mariña. O investimento do Concello nesta obra supera os 30.000 euros”.

Fernández Rey sinalou que “a Praza da Mariña é unha zona na que hai moita afluencia de nen@s e polo tanto hai que ter coidado estes días, mentres se fan estas obras, que esperemos que as acaben o antes posible. O obxectivo que buscamos con esta obra é mellorar os espazos públicos do concello”.

Exit mobile version