Site icon Crónica3.com A Mariña

Charla informativa en Alfoz sobre as subvencións dispoñibles para a mellora de vivendas

Alfoz, 4 de abril, 2023. O venres, 20 de maio, ás 19:00h no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz terá lugar unha charla informativa sobre as subvencións dispoñibles para a mellora de vivendas: rehabilitación, mellora enerxética, accesibilidade, etc. Contarase cunha empresa especializada en tramitar este tipo de axudas a particulares para informar das distintas axudas, requisitos, importes, tramitación, etc.

Aberta a público en xeral interesado en informarse sobre as distintas liñas de axuda dispoñibles. Non é preciso anotarse previamente.

O Concello de Alfoz continúa un ano máis con este tipo de propostas para favorecer a eficiencia enerxética tamén no sector residencial, non só de xeito puntual con estas charlas senón ao longo de todo o ano a través dos grupos de difusión, web municipal, etc. a través dos que se comparte toda a información sobre distintas axudas: Plan Renove de electrodomésticos, axudas para caldeiras de enerxías renovables, etc. e tamén na oficina da Área de Atención á Veciñanza.

Son moitas as razóns de peso para invertir en eficiencia enerxética dos nosos fogares:

Aforro económico: as facturas do día a día, como a electricidade, gas e auga, son máis baixas porque se reduce o uso de aparellos como o aire acondicionado, calefacción… Deste xeito, un menor gasto de enerxía supón un aforro para o peto.

Respecto ambiental: un menor gasto enerxético tradúcese nunha redución de emisións e da pegada de carbono. Que o fogar sexa eficiente é unha forma de demostrar que utiliza adecuadamente os recursos enerxéticos que precisa a sociedade para funcionar sen esgotar ao planeta.

Maior durabilidade: levar a cabo reformas de illamento térmico e acústico, cambiando por exemplo xanelas e portas, achega maior seguridade fronte aos danos ocasionados polo paso dos anos, como son as gretas, humidades, fugas de calor… Unha vivenda eficiente energéticamente é de maior calidade que outras, co que se mantén en mellores condicións durante moito máis tempo.

Beneficios fiscais: os edificios construídos de maneira eficiente poden verse beneficiados con rebaixas fiscais e con subvencións públicas.

Aumento do valor da vivenda: investir na eficiencia enerxética supón atractivo tanto para futuros compradores como para arrendatarios. Rehabilitar unha vivenda, mellorando por exemplo a protección solar, modificando o acristalamento ou a carpintería e selando as infiltracións, termina revalorizando o fogar.

Maior confort: os edificios eficientes fan que sexa moito máis agradable vivir neles, xa que a temperatura que se alcanza é máis confortable, menos perdas de calor, máis homoxeneidade de temperatura en todos as zonas, etc.

Exit mobile version