Site icon Crónica3.com A Mariña

Catro persoas falecidas e dúas feridas, unha delas moi grave, tras saírse da vía o vehículo no que viaxaban en Xove

Xove, 1 Abril de 2023. En total, seis persoas viaxaban no vehículo, catro faleceron. O condutor resultou ferido moi grave e o sexto ocupante non parecía revestir gravidade.

Os Bombeiros de Viveiro, que se desprazaron ao lugar nada mais ter constancia do suceso, tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar a catro dos ocupantes, que quedaron atrapadas no interior do turismo.

A escasos minutos das dez desta mañá, os axentes da Garda Civil informaban ao 112 Galicia deste fatídico accidente. Indicaban que informaran aos servizos sanitarios dun accidente grave, un coche envorcado e precipitado por un terraplén na LU-P-2604, en A Rigueira, moi preto da urbanización Palmeiro, con persoas atrapadas no interior do turismo e que podían estar falecidas.

A partir dese momento, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Viveiro, que saíron decontado cara o punto. Do mesmo xeito, foron informados os membros do GES de Cervo e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, desde o 112 Galicia informouse ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para prestar apoio aos familiares das vítimas.

Finalmente, os servizos sanitarios confirmaron que unha ambulancia medicalizada trasladou ao ferido mais grave, condutor do turismo, ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), e outra ambulancia trasladou ao Hospital da Costa de Burela ao sexto ocupante do vehículo.

Exit mobile version