Castiñeira comparte a demanda dos veciños da conexión da praia de Areoura co resto da parroquia mediante un paseo marítimo
Castiñeira explica: “Dende sempre o PP de Foz tivo unha grandísima relación con esta asociación de veciños, que funciona moi ben e que sempre nos transmitiu as súas prioridades. Nós, dende o PP, ben dende o goberno ben dende a oposición, tratamos sempre de cumprir. Un exemplo son as beirarrúas na estrada autonómica de Cangas a Ferreira, na zona urbana, na que, durante o goberno do PP, se fixeron gran parte das beirarrúas e, na oposición, conseguimos que se remate o último tramo. No seu momento axudamos á apertura do tanatorio e procuramos atender tamén ás outras cuestións que nos transmiten”.
Os requirimentos básicos da asociación, segundo explica Castiñeira, son “a mellora das estradas do concello, así como dalgúns servizos como o do alumeado, o de recollida de lixo e limpeza, que son moi mellorables; queren tamén máis equidade no reparto dos fondos municipais”. Os populares concordan totalmente e manteñen a súa proposta “para facer un Plan de Parroquias antes dos orzamentos municipais, para que inclúan un reparto obxectivo entre todas elas, tratando de eliminar o actual desequilibrio entre os investimentos na zona rural e a urbana”.
Outras das demandas do colectivo son cuestións moi propias de Cangas, “como é a mellora dos acceso á praia de Areoura, un requirimento de hai moitos anos, que, de momento, non se cumpriu; outra é a de buscar unha solución a reitoral, un edificio singular desta parroquia que está en moi mal estado; xunto co Bispado e os propios veciños hai que buscar un fin para este edificio e acometer as melloras precisas”. A asociación demanda tamén a prolongación dos paseos marítimos, para comunicar Areoura co resto da parroquia cun paseo marítimo”.