Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira, partidario de deseñar un programa municipal de investimentos nas parroquias de Foz seguindo o modelo do Plan Único provincial

O candidato popular á alcaldía e o seu equipo mantiveron unha reunión coa directiva da asociación de veciños de Fazouro

Foz, 20 de abril de 2023. As parroquias de Foz precisan que o Concello deseñe é aplique un plan similar ao Plan Único da Deputación provincial. Así o entende o portavoz e candidato popular á alcaldía, Javier Castiñeira, á vista das demandas das asociacións de veciños. Na reunión mantida co colectivo veciñal de Fazouro, Castiñeira e o seu equipo viron confirmado o que en todas as parroquias que estiveron anteriormente lles dixeron: é necesario unha especie de plan único como o da Deputación cos concellos, pero do Concello de Foz e para as parroquias cando se elaboran os orzamentos municipais. Os populares din que nas parroquias “é preciso máis investimento, porque os veciños séntense desamparadas polo goberno do Concello de Foz”.

Castiñeira faise eco da queixa xeralizada das asociacións en canto á falta de transparencia e comunicación do goberno local durante os últimos catro anos. Sinala: “É importante recalcar que é moi necesario que haxa moita máis información e comunicación entre o concello e as asociacións. O BNG e o PSOE falan sempre de orzamentos participativos, pero cando chega o momento non chaman a ninguén e fan investimentos, que saen do Plan Único da Deputación, sen contar coa opinión das asociacións e, ás veces, estas non dispoñen de información para transmitir aos seus veciños. O actual equipo de goberno no elaborou orzamentos participativos; nin sequera se deu verdadeira participaron os membros da corporación, porque ao PP dábaselle un documento que aos dous días se aprobaba en pleno. Esa desinformación séntena todas as asociacións de veciños”.

O portavoz popular e candidato á alcaldía indica: “Hai investimentos que os veciños consideran prioritarios e que non se están a facer. No caso de Fazouro, os veciños sinalan, entre outros problemas a resolver, a situación do canal na Pampillosa, que está saturado, problema do que xa se informou a Costas no seu momento; falta de mantemento da área recreativa e as estradas en mal estado”.

Castiñeira explica: “A verdade é que a comunicación coas asociacións está sendo moi proactiva e moi satisfactoria para a candidatura do PP, de maneira que elaborará un programa moi concreto en cuestións importantes para cada parroquia”.

Exit mobile version