O aspirante popular di que é absurdo falar dun terceiro acceso porque é innecesario e porque os dous actuais son suficientes e estarán operativos durante moitos anos, polo que hai que acometer as melloras precisas
Castiñeira explica que “esas dúas entradas a Foz foron facéndose a parches e teñen moi pouco sentido en canto a ordenación urbanística”. Di que “así o solicitan as asociacións de veciños, coas que estivemos reunidos, destes dous barrios importantísimos de Foz, nos que vive moitísima xente; son barrios que medraron moito e que hai que integrar na trama urbana da vila”.
Castiñeira sinala: “Agradecemos a dispoñibilidade das directivas das asociacións de veciños de Vilaxoane e de Marzán. Aportaron propostas e suxestións que teremos en consideración no plan para os próximos catro anos; son factibles para o Concello de Foz e pódese xestionar a axuda doutras administracións”.
Na reunión, abordáronse cuestións centradas “basicamente nos servizos prioritarios; entendemos que hai que intentar atendelas o antes posible”. Os populares din que “nestes pasados catro anos pouco ou nada se fixo nestes dous barrios, que deben ser totalmente integrados na trama urbana; neles vive moita xente, hai segundas residencias e vivendas en proxecto”.
Castiñeira destaca que “as entradas son a primeira imaxe que ofrece Foz a propios e a visitantes e non podemos falar de terceiro acceso cando temos os dous fundamentais, e que o seguirán sendo durante moito tempo, absolutamente abandonados”.