O aspirante popular di que contar na lista con Miguel Fernández “é un enorme orgullo, por ver como a saga continúa, como segue tendo gañas de representar a súa parroquia e ese mesmo afán de servizo público que tiña seu pai”
Foz, 15 de abril de 2023. A conformación das listas é un momento de moi especial relevancia para os candidatos a alcaldías. Nalgunhas ocasión prodúcense situacións especiais, como ocorre no PP de Foz, no que o cabeza de lista, Javier Castiñeira, ten a satisfacción de incorporar á súa ao fillo dunha persoa coa que compartiu un intenso tempo político e amizade. Miguel Fernández, o fillo máis novo do que foi durante oito anos tenente de alcalde do concello de Foz, Pedro Fernández Manín, formará parte da candidatura do PP de Foz, en representación da parroquia de Cordido. Castiñeira di: “Para min, persoalmente, polo grandísimo cariño que lle tiña a seu pai, é un enorme orgullo ver como a saga continúa, como segue tendo gañas de representar a súa parroquia e ese mesmo afán de servizo público que tiña seu pai. Estou moi agradecido unha vez máis á familia de Pedro Manín, comprometida con Cordido e con Foz”.
O candidato popular explica: “Xa na primeira reunión que tivemos coa asociación de veciños de Cordido estivo presente e coñece ben os problemas que existen. Reparacións de calzadas moi mal feitas nestes catro anos, rozas moi deficientes, hai estradas que precisan moito mellor mantemento, necesítase un reparto máis equitativo dos recursos nas parroquias, que nunca saben de canto van dispoñer.
Os veciños, di Castiñeira, están preocupados pola non construción das rotondas de Cangas, “que en catro anos non se levaron a cabo, e afectan ao que constitúe un dos accesos a esta parroquia de Cordido”.
O PP comparte o desexo dos veciños de “iniciar o proxecto do paseo fluvial, moi demandado dende hai tempo; é o momento de levar a cabo un paseo que comunique Cordido con Cangas”.