O aspirante popular di que “teñen unha contrastada traxectoria tanto na vida local de Foz como na vida política, coñecen perfectamente o concello e farán un traballo extraordinario no próximo goberno de Foz”
Foz, 18 de abril de 2023. Para sacar a Foz do estancamento dos últimos catro anos é preciso que o próximo goberno local comece a xestionar dende o primeiro día os intereses do concello. Con este convencemento prepara o candidato popular á alcaldía, Javier Castiñeira, a lista que encabezará nas eleccións locais do próximo 28 de maio. Días pasados, Castiñeira confirmou a incorporación no número dous de Mercedes Rodríguez; hoxe, o aspirante popular anuncia que nos postos 3, 4 e 5 estarán tres persoas que actualmente son concelleiros populares. Castiñeira informa de que se trata de “Laura Balseiro, por Cangas; Verónica Soto, por Foz e Antonio Hermida, por Fazouro”. Explica que “Hermida xa foi concelleiro do equipo de goberno, na anterior etapa na que o PP gobernou durante oito anos en Foz, facendo un moi bo traballo. Nesta lexislatura tanto Verónica como Laura fixeron un traballo excepcional, con compromiso moi relevante. Son persoas que saben como funciona un concello, unha corporación; é xente con ampla experiencia, responsable”.
Castiñeira asegura que “estas tres persoas aportan moitísimo para un candidatura forte, fiable e sobre todo con experiencia; teñen ganas e ilusión de formar un equipo de goberno que, xunto con Mercedes Rodríguez (número dous) e comigo poida empezar a traballar xa dende o primeiro día”.
O candidato popular á alcaldía afirma que “o PP está preparado para empezar a traballar dende o primeiro día e para iso levamos ás mellores persoas; estes tres concelleiros teñen unha contrastada traxectoria tanto na vida local de Foz como na vida política, coñecen perfectamente o concello e farán un traballo extraordinario no próximo goberno de Foz”.