Castiñeira asegura que se despois das eleccións de maio goberna o PP “a festa do chícaro será como sempre, como fixo Rivera e como fixo Manín, a finais do mes de xaneiro”
Foz, 20 de abril de 2023. A Festa do Chícaro, por obra e gracia de Cajoto e o seu equipo, foi este ano un fracaso, como era de esperar debido ao inexplicable cambio da data de celebración. O portavoz popular, e candidato á alcaldía, Javier Castiñeira, sinala: “Escoitar ao señor Cajoto dicir que o cambio da data da festa do chícaro foi un éxito é unha broma pesada ou unha falta de respecto a todos aqueles que a organizaron no seu día; ao señor Rivera (Pepe), que foi o que tivo a feliz idea de facela en xaneiro, cunhas directrices que son claras e que tamén as mantivo o PP: por un lado, manter as tradicións, especialmente vinculadas a un bivalvo que se extraía precisamente nas datas nas que se fai a festa do chícaro, en xaneiro, e por outra parte, coa idea básica que desestacionalizar, evitar as masificacións do turismo, en épocas como Semana ou no verán”.
Castiñeira destaca que os problemas veñen do cambio de data. Indica: “Non vemos moi lóxico que na festa do berberecho se poña como un dos pratos mexillóns; iso débese a fallar na data, porque ao retrasala o chícaro está moito máis caro e é moito máis difícil conseguilo. Ao final, para atraer xente hai que traer ao Combo Dominicano, irse das tradicións. Ademais é unha falta de respecto absoluto aos grupos que amenizaron a xornada matinal, aos grupos locais O Feitizo e A Subela, que veñen de forma altruísta e ven como se pagan a outros miles de euros, que para iso hai diñeiro antes das eleccións e non o hai para axudar á xente do pobo. Foi un verdadeiro fracaso dentro da tradición”.
O PP entende que a Festa do Chícaro debe ser na súa data e o goberno local debe dar explicacións de por que non o fixo así. O PP -di Castiñeira- asegura que, se goberna, a Festa do Chícaro será, como sempre, “como fixo Rivera e como fixo Manín, a finais do mes de xaneiro”.