Na reunión constatouse “a falta dun auditorio e viuse a necesidade de dar solución ao Asilo de anciáns, no que hai unha parcela cunha gran potencialidade”
Foz, 22 de abril de 2023. O portavoz e candidato popular á alcaldía de Foz, Javier Castiñeira, xunto co seu equipo avanza no desenvolvemento do seu programa de encontros con distintos colectivos do municipio. A máis recente destas reunión foi con representantes da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz. Foi, en palabras de Castiñeira, ”unha reunión moi produtiva entre a candidatura do PP de Foz e os responsables da directiva da ACIA, na que falamos da situación actual do tecido económico e industrial focense, así como das potencialidades que ten o noso concello, para pensar un programa para os próximos catro anos”.
Castiñeira explica que “no PP entendemos que a relación coa ACIA é fundamental; así o foi nos anos de goberno do PP en Foz, nos que conseguimos transformar o que é a zona comercial, coa reforma das avenidas da Mariña e Álvaro Cunqueiro”. Lembra que “foron intervencións xeradoras de actividade e de riqueza, como é o proxecto do PP para mellorar o eixo turístico dende o porto ata A Rapadoira; é ambicioso”.
No transcurso do encontro púxose de manifesto a necesidade de solventar “a falta dun auditorio; viuse que hai que dar solución ao Asilo de anciáns, no que hai unha parcela cunha gran potencialidade”. Igualmente, coincidiron en que “é preciso tamén dar solución a solares importantes no centro urbano, como é o que hai diante da Casa da cultura”. Houbo coincidencia en que hai que buscar financiación e intentar dar pulo á economía focense.
Segundo indicou Castiñeira, despois da reunión, “resulta preciso mellorar servizos básicos, que afectan a imaxe da vila, como son a limpeza e a recollida de lixo ou o de alumeado público”. Hai que reformar as dúas entradas de Foz (por Vilaxoane e Marzán), que están integradas no núcleo urbano, pero carecen de infraestruturas e equipamentos que son necesarios.
Castiñeira di que a relación coa ACIA nos próximos catro anos ten que seguir sendo frutífera. Está convencido de que “é necesario coordinar mellor a parte de ocio e turismo durante todo o ano en Foz, que é moi activa, pero hai que evitar certa anarquía e falta de coordinación de actos”. Os populares consideran “que cambios como os que houbo na Festa do Chícaro son malos; temos que traballar no Entroido como Festa de Interese Turístico e na mellora da Festa Normanda”. Hai -destaca o portavoz popular- “que programar actividades de calidade, debidamente coordinadas, encamiñadas ao público que ten agora Foz, para atraer visitantes que buscan calidade, como o demostra o éxito da campaña de Semana Santa, da que debemos sacar moitas conclusións”.