Os socialistas ven na “soidade e silencio” cos que cesou como tenente de Alcalde a “clara demostración de que ós traballadores públicos nin ós veciños lles gustan as malas artes” da aspirante popular á Alcaldía de Lugo
Lugo, 4 de abril de 2023. “O tempo coloca a cada un no seu sitio: o luns, José Ramón Gómez Besteiro volveu pola porta grande á primeira liña da política galega nun acto multitudinario na súa toma de posesión como delegado do Goberno, e a persoa que tentou acabar con el con artimañas mesquiñas, mentiras e inventos marchou pola porta de atrás”. Así valoran os socialistas da provincia a renuncia de Elena Candia ó seu posto como primeira tenente de Alcalde no Concello de Mondoñedo.
Os socialistas ven na “soidade e silencio” cos que cesou Candia a “clara demostración de que ós traballadores públicos nin ós veciños lles gustan as malas artes” da aspirante popular á Alcaldía de Lugo, “que sempre leva o xogo sucio á política e lle gusta enfangar”, como demostra “continuamente”, e como fixo levando os anónimos á xuíza expedientada Pilar de Lara que orixinaron a persecución contra Besteiro. “E, non só iso, mentiu negando que fora ela, ata que dende o PSdeG a deixamos en evidencia facendo público os documentos que demostran”.
Neste sentido, incidiron en que onte “intentou despistar sobre a súa responsabilidade directa na operación contra Besteiro, pero o único que demostrou é que nin ten ideas, nin ten equipo, pois comprou a un mercenario prometéndolle un alto cargo municipal”. “Foi un xesto á desesperada, tentando desviar a atención”.
“Non se fía dos seus”
“Candia non coñece a cidade e parece non fiarse moito dos seus compañeiros de partido, porque a súa aposta é intentar convencer con promesas laborais a persoas doutros partidos para que muden as súas conviccións por comenencia persoal. Xa o fixo no Páramo e en Samos, e agora anúnciao tamén en Lugo”.
Para os socialistas, “é unha vergonza que en pleno século XXI se anuncie como gran fito político a fichaxe dun tránsfuga a cambio dunha oferta laboral cunha alta remuneración. A única aposta de renovación de Candia é a renovación das fórmulas caciquís do PP de sempre, ás que engade o seu xeito mesquiño de entender a política”.
“Besteiro volveu á primeira liña da política nun acto multitudinario e cun ambiente de emoción, forza e ilusión, mentres Candia, con catro persoas entre o público, nin sequera falou para despedirse dos seus veciños nunha imaxe reveladora de que a popular deixa terra queimada alá por onde pasa”, recalcaron.
“Por moitos intentos que faga, xa non engana, nin despista a ninguén”, subliñaron, “a señora Candia está hoxe inhabilitada politicamente para ser candidata á Alcaldía”. “Seguimos esperando que teña a dignidade de rectificar e pedir perdón e, senón, debe irse da política porque non vale todo”.