Burela, 17 de abril de 2023. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, fixo un balance moi positivo do Enduro que se celebrou esta fin de semana en Burela. O edil tivo palabras de agradecemento para todas as persoas involucradas na organización e agradeceu a comprensión da veciñanza cos cortes de tráfico ocasionados.
Fernández Rey declarou: “temos que facer un balance moi positivo do Enduro que celebramos aquí este fin de semana en Burela. Toca agradecer aos promotores desta iniciativa, que foi a Acia local e moi especialmente a Cerezo Bikes porque fixeron un traballo extraordinario e iso viuse transformado no éxito que foi este Enduro”.
O concelleiro de Deportes dixo: “a novidade do trazado urbano, que era o que mais nos preocupaba, saíu moi ben e estamos encantados e moi contentos de cómo se desenvolveu toda esta iniciativa, que xa nos planteamos repetir en vindeiros anos”.
O edil burelés tivo palabras de agradecemento: “queremos agradecer a labor da Policía Local de Burela, estiveron á altura das circunstancias e fixeron un traballo exquisito na regulación do tráfico así como na oficina técnica, que axudou á organización a levar a cabo todos os permisos que facían falla para facer esta proba. Agradecer tamén aos traballadores municipais de Obras, porque fixeron un esforzo moi importante todos estes días para que todo saíse ben, a Protección Civil e a todas e todos os que estiveron involucrados na celebración deste evento deportivo. E agradecerlle á veciñanza a súa comprensión cos cortes de tráfico que houbo”.
Ramiro Fernández insistiu en que “o balance é súper positivo. Houbo moitisima xente e moita expectación co descenso urbano, sobre todo. Tivemos moita xente en Burela e demostramos unha vez máis que somos capaces de albergar este tipo de competicións. Xa temos experiencia en acoller eventos de grande relevancia deportiva como puido ser a Super Copa de España de fútbol sala feminino, a Copa da Raíña, Campionatos de España de baloncesto… eu non tiña dúbidas de que os clubs de Burela están mais que capacitados para levar a cabo estas iniciativas”.
O concelleiro de Deportes engadiu que “o Concello, desde logo, estivo aí apoiando en todo o que fixo falta e fose necesario para que todo saíse ben. Celebrar o éxito desta proba e xa nos poñemos a pensar en futuras edicións porque foi moi vistosa e espectacular, os corredores fixeron porque a xente disfrutara do espectáculo e estamos encantados, orgullosos e contentos de que todo saíra ben”.