Burela, 10 de abril de 2023. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, fai unha valoración moi positiva da Semana Santa. As consultas na oficina de turismo medraron un 75% con respecto ao 2022 e as Xeorutas foron un éxito.
O edil burelés manifestou: “queremos facer un balance moi positivo do que foi a Semana Santa en Burela. Os datos que nos pasa a técnica desde a Oficina de Turismo son moi positivos. Temos que ter en conta que a porcentaxe de xente que foi pedir información alí medrou un 75% con respecto ao ano pasado, co que ese dato xa fala ás claras de que houbo moita afluencia de xente aquí en Burela e así o notaron os establecementos hostaleiros”.
Fernández Rey subliñou que “as rutas xeolóxicas que programamos para mércores e sábado foron un éxito, estiveron completas e incluso o sábado houbo que dobrar esa ruta debido á grande demanda que tivo”.
Para o concelleiro de Turismo “foi moi positiva a Semana Santa e alegrámonos especialmente pola hostalería e polo comercio, que serán os grandes beneficiados deste aumento de visitantes aquí en Burela. Desde a Concellería de Turismo seguiremos traballando desta maneira na que o estamos a facer, penso que os datos corroboran que se está a realizar un boi traballo. O barco museo tamén tivo moita xente estes días. Evidentemente o bo tempo acompañou e houbo unha lixeira tendencia de cambio con respecto á xente que nos visita, porque a maioría dos visitantes que recibimos esta Semana Santa eran xente de Galicia, que seguramente aproveitando ese bo tempo decidiron desprazarse á Mariña para disfrutar da zona”.
Ramiro Fernández engadiu que “agardemos que este impulso que estamos notando en Burela e en toda a comarca e este traballo que se está a facer desde a Mancomunidade con ese Plan de Sustentabilidade Turística dea os seus froitos en breve e axude a seguir afianzando e confirmando estes datos. Vendo estas cifras de cara ao verán somos moi optimistas e seguiremos traballando para facer promoción de Burela. Esperemos que o verán, si todo vai da maneira que ten que ir, sexa histórico para Burela e para a Mariña en xeral”.