Burela, 20 de abril, 2023. A Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias (AFAN) ten aberto o prazo para inscribirse no Grupo de Axuda Mutua para coidadores de enfermos de alzheimer ou outras demencias que van a levar a cabo no Concello de Foz a finais deste mes.
Este programa, impulsado pola Fundación Barrié, a Federación Alzhéimer Galicia e AFAN Burela en colaboración co Concello de Foz, ten como obxectivo crear un espazo de apoio e formación no que as familias que coidan de enfermos de Alzheimer ou outra demencia no rural galego poidan compartir experiencias e reducir dese xeito a sobrecarga derivada dos coidados. Será levado a cabo pola psicóloga e terapeuta ocupacional da asociación dende abril ata xuño de 2023, na Casa da Cultura de Foz.
A primeira sesión terá lugar o xoves 27 de abril en horario de 17:00 a 19:00h, posteriormente realizaranse dúas sesións mensuais ata o mes de xuño, cunha duración de 2 horas cada sesión, onde se combinará formación sobre estas doenzas con grupo de axuda mutua.
A asistencia é gratuita previa inscrición no departamento de Servizos Sociais do Concello de Foz (Teléfono 982 133 566) ou chamando ao teléfono da asociación 982 580 610. A data límite para inscribirse será o martes, 25 de abril.