No documento chamamos a atención sobre os danos que poden causar nos ecosistemas da Cordilleira Cantábrica a aplicación dos artigos relativos ao desenvolvemento de proxectos de enerxía renovábel dos Reais Decretos-Lei 6/2022 e 20/2022 e a tardanza na ampliación da Rede Natura 2000 en territorios como Galiza, incumprindo o mandado europeo.
As consecuencias dos decretos-lei 6/2022 e 20/2022
Ao longo do ano 2022 o Goberno do Estado modificou substancialmente mediante dous Reais Decretos-Lei (RDL) o trámite ambiental que debían seguir os proxectos de xeración de enerxía a partir de fontes renovábeis, concretamente a eólica e a solar. Son os RDL 6/2022 do 29 de marzo e RDL 20/2022 do 27 de decembro. O primeiro, modificado polo RDL 11/2022 e tramitado posteriormente como Proxecto de Lei foi substitído polo RDL 20/2022. A aplicación destas normas poden derivar en graves consecuencias para o patrimonio natural galego polas especiais circunstancias que concorren en Galiza
O Real Decreto-Lei 6/2022 inclúe no seu capítulo III a eliminación da tramitación ambiental contemplada na Lei 21/2013 de avaliación ambiental ubstituíndoa por un “informe de determinación da afección ambiental”. Este documento sería equiparábel a unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental). O novo procedemento elimina tamén a participación da cidadanía, permitindo a aprobación de proxectos con potencial impacto ambiental sen garantías procesuais suficientes e eliminando o dereito previo a manifestar a disconformidade que tiñan no momento oportuno as persoas e comunidades afectadas.
O Real Decreto-Lei 20/2022 vai moito máis aló que o seu predecesor o RDL 6/2022. Daquela os proxectos eximidos do procedemento ordinario de avaliación ambiental, substituída por un “informe de determinación da afección ambiental”, non podían superar os 75 MW eólicos. Con este novo RDL o MITERD suprime este límite de potencia para se acoller a esta medida excepcional. No decreto anterior, ademais dos espazos da Rede Natura 2000 e do medio mariño, quedaban fóra desta medida excepcional aquelas áreas que na “Zonificación ambiental para a implantación das enerxías renovábeis” elaborada polo propio Ministerio, estaban consideradas como de moderada e alta sensibilidade, incluindo áreas chave para a conservación de especies protexidas. Na norma actualizada desaparece calquera mención a esta zonificación, e ademais da RN2000 só fican fóra desta medida excepcional os espazos oficialmente protexidos.
A consolidación dunha “inxustiza ambiental” para con Galiza
As dúas normas supoñen unha perda de dereitos cidadás, comezando polo de participación pública, na avaliación ambiental dos proxectos. Só co estudo de impacto presentado polo promotor, o Ministerio podería autorizar un parque sen agardar tampouco polos informes preceitivos que teñan que xirar outras administracións. E aínda que a Rede Natura 2000 estea exenta de acoller proxectos susceptíbeis de someterse a esta tramitación “express”, iso non implica necesariamente a ausencia de impactos sobre hábitats e especies para os que as Directivas 92/43 CEE (de Hábitats) e 2009/147/CE (de Aves) establecen unha protección, tanto dentro como fóra da RN2000.
A exención do trámite de avaliación de impacto coas conseguintes eivas na salvagarda dos dereitos ambientais, discrimina claramente aos proxectos de renovábeis fronte a outras iniciativas que seguen estando suxeitas á avaliación ambiental segundo a Lei 21/2013. Deste xeito, podería acontecer que un parque eólico que atinxe milleiros de hectáreas, sen límite algún para a potencia instalada e con quilómetros de pistas, desmontes e liñas de evacuación fique exento, mentras que outros proxectos con menos incidencia territorial deban pasar o preceitivo trámite ambiental.
Estas normas crían tamén unha preocupante inseguridade xurídica, xa que as excepcións que introduce poden colidir coa normativa europea. Malia a que a Directiva 2011/92/UE de Avaliación de Impacto deixa unha posibilidade (art. 4) á exención do trámite ambiental, esta só pode aplicarse a proxectos concretos e non a tipoloxías enteiras como é o caso de todas as instalacións eólicas e fotovoltaicas sen distinción. Asemade un recente Regulamento da UE (2022/2577) determina que a planificación das zonas para a implantación dos RDL 6/2022 e 20/2022 obvian.
A aprobación destes decretos tivo como resultado a apertura dunha enorme porción do territorio galego, arredor do 88%, ao aproveitamento eólico xestionado dende o Estado, debido a que Galiza só conta con apenas un 12% de superficie protexida, pincipalmente baixo a figura da Rede Natura 2000 (fronte á media estatal de máis do 27%; Castela e León, 26%; Asturias, 27%; Madrid case 40%). En consecuencia, a presión das empresas eléctricas para ocupar territorio é en Galiza o triplo de intensa que no resto do Estado, en paralelo cos impactos derivados dunha implantación pouco respectuosa e desordenada.
Esta situación supón un agravio comparativo para Galiza e contribúe a consolidar unha caste de nova “inxustiza ambiental” nun territorio que xa sofrir as consecuencias dunha transición enerxética traumática polo que atinxe ás térmicas e electrointensivas.
Por estas razóns vimos de solicitar á Ministra Ribera unha moratoria na aplicación dos Reais Decretos-Lei 6/2022 e 20/2022 no que atinxe á tramitación de proxectos de xeración de enerxías renovábeis no territorio galego.