Ribadeo, 10 de abril de 2023. Acisa fai un balance moi positivo da Semana Santa, que rexistrou unha alta ocupación hoteleira.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Carmen Cruzado, declarou: “o balance que facemos desde Acisa desta Semana Santa é moi positivo. A ocupación hoteleira situouse de xoves a domingo entre o 95 e o 100%, un dato que é moi bo para Ribadeo. E o resto de días oscilou entre o 80 e o 85%”.
Cruzado Iglesias subliñou que “durante todos estes días puidemos ver as rúas e as terrazas ateigadas de xente, a praia das Catedrais esgotou os pases de visita ao areal durante tres días e o resto das xornadas quedaron poucas libres. O aparcamento municipal, do centro de Ribadeo, venres e sábado estivo cheo en varios momentos, o paseo entre Os Bloques e o Faro da Illa Pancha era unha marea constante de xente que aproveitaba a súa estadía aquí para disfrutar da paisaxe e para facer exercicio”.
A presidenta de Acisa contou que “Ribadeo estivo repleto de xente esta Semana Santa. Aínda hoxe é posible atoparse con moitos turistas, que aproveitan o festivo nas súas comunidades, algunhas delas do norte, para prolongar as súas vacacións entre nós. Ao igual que os peregrinos que son un goteo constante polo Camiño Norte”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, sinalou que “comer e cear sen reserva foi practicamente imposible, aínda que hai que destacar que os nosos hostaleiros fixeron todo o que estivo nas súas mans para poder atender á grande afluencia de comensais que recibiron estes días. Non había mais que dar unha volta por Ribadeo para atoparse con xente por calquera recuncho, gozando do patrimonio cultural ou paisaxístico. E as ventas no comercio tamén estiveron animadas. O tempo acompañou, o que fixo que nos achegásemos á perfección”.
Pérez Prada engadiu: “facemos un balance moi positivo da Semana Santa de 2023, a primeira de auténtica normalidade tras a pandemia da covid. Agora xa estamos case coa vista posta no verán, que si vai ao mesmo ritmo que estes días que acabamos de pasar… será de récord en Ribadeo”.