Site icon Crónica3.com A Mariña

A xustiza desestima e arquiva a denuncia por posible ilícito penal contra o alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, por desmontar a porta que dá acceso á Illa Pancha

Ribadeo, 26 de abril de 2023. A xustiza ven de desestimar e arquivar a denuncia por posible ilícito penal presentada hai unhas semanas contra o alcalde, Fernando Suárez, e contra o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, por desmontar a porta que dá acceso á Illa Pancha. O rexedor agarda que “nunca máis teñamos que volver tomar medidas para garantir o acceso xeral, libre, pleno a toda a cidadanía en xeral”.

Suárez Barcia contou que “acabamos de recibir unha comunicación dun auto xudicial no que a xustiza desestima e arquiva a denuncia por posible ilícito penal que hai unhas semanas puxeron contra este alcalde e contra o concelleiro de Medio Ambiente por desmontar a porta que da acceso á Illa Pancha. Neste caso, nin o órgano xudicial nin a fiscalía ven reproche algún na vía penal, e indícalle ao recorrente que este ámbito tan duro non é o camiño. E que se o desexa poder ir por unha vía contencioso-administrativa”.

O alcalde lembrou que “é precisamente nesta vía contenciosa onde o Concello ten sistematicamente gañado todos os contenciosos que por este caso se teñen posto contra el”.

O rexedor declarou: “alegrámonos, como non, pois aquí vexo que hai un ánimo por parte de concesionarios e tamén de Autoridades Portuarias en non cumprir a lei e de facer do público algo privado, indo contra a lei e contra o sentido común. Insisto, a Autoridade Portuaria pode concesionar o Faro, pero o acceso ten que ser libre para todo o mundo”.

Fernando Suárez agarda que “nunca mais teñamos que volver ter que tomar medidas para garantir o acceso xeral, libre e pleno a toda a cidadanía en xeral. Entrementres, que a Autoridade Portuaria se concentre en tapar os baches no camiño de acceso, que ten ben deles, e que o concesionario se preocupe de dar o mellor servizo aos seus clientes. E que polo resto, deixen de perder o tempo e facérllelo perder aos demais”.

Exit mobile version