Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta presenta o proxecto do novo abrigo e prazas de atraque en pantalán no porto de Morás

Portos de Galicia ten en tramitación ambiental a proposta técnica orzamentada en máis de 3 millóns de euros e que contempla a creación de 24 prazas pesqueiras e 99 deportivas

Xove, 3 de abril de 2023. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten en tramitación ambiental o proxecto de mellora do abrigo e de instalación de tres pantaláns no porto lucense de Morás. Esta actuación busca optimizar a operativa da dársena, incrementando a seguridade da frota e dos usuarios, así como a ordenación dos atraques mellorando a lámina de auga para o uso tanto da frota pesqueira como deportiva. Así o comunicou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á localidade para presentar a proposta técnica á confraría de pescadores e ao Concello.

En concreto, os traballos consisten na construción dun contradique de 224 metros de lonxitude en dúas aliñacións. En perpendicular ao dique disporanse tres pantaláns, dous deles para a frota deportiva e outro para a pesqueira. Deste modo crearanse 24 prazas de amarre para a 3ª lista e 99 de 7ª lista, o que dá cabida a toda a frota actual. Ademais, dotarase ao espazo dun novo aparcamento para dar servizo a estas embarcacións.

As obras complétanse cunha dragaxe en rocha na bocana do porto á cota-3 e dúas novas ramplas, unha asociada a unha superficie de varada acaroada ao dique actual e outra de acceso ao mar. Con estes traballos, que contan cun investimento previsto de máis de 3 millóns de euros, preténdese dar resposta ás necesidades do sector pesqueiro da zona, así como dar cabida á multitude de embarcacións deportivas que fondean na contorna.

Susana Lenguas explicou que o proxecto parte dunha complexa tramitación administrativa e estudos que se veñen realizando desde hai anos e que incorporan información derivada dos informes de diferentes organismos respecto ao estudo inicial de alternativas. Neste sentido, mantivéronse múltiples contactos con distintos órganos como a Dirección Xeral para a Sustentabilidade da Costa e do Mar, dependente do Estado, durante a súa tramitación para acadar unha iniciativa de consenso entre todas as partes.

Neste sentido, a presidenta de Portos de Galicia destacou a envergadura do proxecto e o investimento e explicou que a licitación das obras está pendente da resolución do trámite ambiental no que se atopa actualmente.

Exit mobile version