O Goberno galego vén de informar aos concellos da resolución da convocatoria, que facilita a inserción laboral dos colectivos más vulnerables
A Xunta vén de notificar a resolución aos concellos beneficiarios para que poidan proceder ás contratacións a través do Servizo Público de Emprego de Galicia; terán preferencia os maiores de 45 anos, os que teñan cargas familiares e os que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral.
O obxectivo deste programa é impulsar o emprego local e proporcionarlles experiencia e práctica profesional ás persoas en situación ou risco de exclusión social que reciben esta axuda. A distribución provincial de créditos calcúlase en función dos datos do paro, da poboación e dos perceptores da Risga que rexistra cada municipio.
Na provincia, os concellos con maior número de contratacións son os de Monforte de Lemos e Sarria, que poderán sumar 10 traballadores en cada caso. Pola súa banda, incorporarán a cinco persoas os municipios de Vilalba, Ribadeo, Chantada, Viveiro, O Saviñao e Burela.
Distribución por comarcas
No sur da provincia, as comarcas de Chantada, Terra de Lemos e Quiroga asumen 385.150 euros de orzamento para contratar a 27 traballadores nos municipios de Quiroga, Sober, Folgoso do Courel e Ribas de Sil, ademais dos xa citados de Monforte, Chantada e O Saviñao.
Na Mariña contrataranse a 20 traballadores cun orzamento de 265.000 euros, nos concellos de Mondoñedo, Barreiros, Burela e Xove, ademais de Ribadeo e Viveiro. Na Terra Chá os municipios de Begonte, A Pastoriza, Xermade e Guitiriz, xunto con Vilalba, reciben 176.200 euros para contratar a 13 persoas.
Na comarca de Lugo poderán contratar a 8 traballadores cun orzamento de 94.500 euros nos municipios de Castroverde, Outeiro de Rei, Guntín e Lugo; tamén incorporarán dous traballadores cada un dos concellos da Ulloa -Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei-, cun orzamento conxunto de 70.600 euros; e A Fonsagrada, Baleira e Negueira de Muñiz disporán de 67.600 euros para contratar a 5 persoas. Igualmente, resultaron beneficiarios das achegas Samos e Becerreá.