O 112 Galicia recibiu a alerta deste incendio ás 18:00 horas desta tarde, a través dun particular.
Segundo a información recollida no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, a nave de reciclaxe ardeu na súa totalidade e, nestes momentos, os servizos de emerxencia protexen outras dúas instalacións lindeiras, na rúa do Acibro, sen que se producisen danos persoais.
Nada máis recibir a alerta dos feitos, desde o 112 Galicia activouse un operativo para atallar o incendio. Os Bombeiros de Vilalba, Barreiros, Eume, Sarria e Lugo acudiron ao lugar, así como os efectivos do GES de Monterroso e de Friol-Palas, o Servizo Municipal de Protección Civil de Vilalba, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, os axentes da Garda Civil e da Policía Local, medios do distrito forestal da zona, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de emerxencias (AXEGA), que enviou un semi remolque de iluminación para colaborar cos medios desprazados. Tamén, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento das autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.