Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta autoriza a colaboración co Concello de Burela para executar o novo colector e mellorar o sistema de saneamento do municipio cun investimento de máis de 4,7 M€

Esta actuación completarase coa nova depuradora, obxecto dun proxecto independente, que está redactado e en fase de tramitación ambiental

Compostela, 20 de abril, 2023. O Executivo autonómico deulle o visto é prace á colaboración técnico-financeira entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Burela, para materializar unha primeira fase da mellora do sistema de saneamento e depuración do municipio, que se complementará coa nova depuradora, que forma parte dun proxecto independente, que está redactado e en fase de tramitación ambiental.

As actuacións teñen como obxectivo o reforzo da capacidade dos colectores existentes, evitando os alivios sen tratamento previo e concentrando nun único punto as augas a tratar para o seu envío á nova depuradora, funcionando como bombeo de cabeceira.
Segundo establece a colaboración técnico-financeira autorizada hoxe polo Consello da Xunta, Augas de Galicia asumirá integramente o financiamento, contratación e execución das obras.

Pola súa banda, o Concello de Burela asume a colaboración na realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Esta actuación será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 e FEDER Galicia 2021-2027.

Unha vez autorizada hoxe a colaboración, Augas de Galicia prevé licitar as obras nas próximas semanas, co obxectivo de comezar os traballos ao final deste mesmo ano 2023. A actuación conta cun prazo de execución de 15 meses, incluída a posta en marcha das instalacións.
A actuación obxecto do acordo de colaboración autorizado hoxe polo Executivo autonómico desenvólvese na súa totalidade no ámbito do porto de Burela, con inicio na glorieta final do novo viario de acceso portuario, desenvolvéndose ao longo de todo o viario principal do porto, rúa Eijo Garay, rúa do Porto e o viario do dique.

En concreto, as obras proxectadas pola entidade hidráulica da Xunta comprenden a execución dunha estación de bombeo e tratamento de augas residuais que recollerá a maior parte das augas residuais de Burela para impulsalas cara á futura depuradora.

A intervención tamén inclúe a renovación da rede de colectores xerais de saneamento para redirixir as augas residuais á nova estación de bombeo e tratamento de augas residuais; e a execución de novos colectores secundarios para dar servizo de saneamento a toda a zona portuaria, reducindo a infiltración de auga ao sistema na zona da fronte marítima.

Ademais, construiranse unha impulsión desde a nova estación de bombeo e tratamento de augas residuais á nova depuradora; unha condución de vertido entre a nova depuradora e a instalación actual; e un bombeo secundario e a correspondente impulsión á nova depuradora da zona adxacente á lonxa.

O Goberno galego impulsa estes traballos de mellora do sistema de saneamento deste municipio lucense en apoio ás competencias municipais en materia de saneamento e depuración.

Exit mobile version