A Delegación Territorial de Lugo acolleu unha xornada informativa sobre esta convocatoria de achegas, que poden alcanzar ata o 90% do investimento
Lugo, 18 de abril de 2023. A Xunta organizou hoxe en Lugo unha xornada informativa sobre as axudas para mellorar a eficiencia enerxética en establecementos turísticos, dirixida a profesionais do sector. O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, participou na sesión, que contou co apoio técnico do Clúster das Enerxías Renovables para explicar os detalles da convocatoria, dotada con 7,8 millóns de euros.
Arias animou aos negocios do sector a solicitar estas achegas, que teñen por obxecto reducir o consumo enerxético, as emisións de dióxido de carbono e o custo da factura eléctrica destes establecementos no marco da política de consecución dos obxectivos ambientais e enerxéticos da Unión Europea (UE), posto que están financiadas cos Fondos NextGeneration EU.
As axudas van destinadas a hoteis, pensións, albergues, negocios de turismo rural e apartamentos turísticos que foran construídos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007 e que acometan un investimento nesta materia cun importe mínimo de 5.000 euros.
As actuacións subvencionables poden consistir na mellora da envolvente térmica, utilización de enerxías renovables ou cambios no sistema de iluminación. Polo tanto, inclúense o illamento de muros de fachada e cubertas, a substitución de vidros e carpintarías, ou a instalación de enerxía xeotérmica, térmica e biomasa, entre outras. Un proxecto pode conter unha ou varias intervencións, da mesma ou diferente tipoloxía. En función diso, a intensidade da axuda oscilará entre o 20% e o 90%.
As intervencións deberán cumprir con dous requisitos indispensables: a redución do consumo de enerxía primaria non renovable de alomenos o 30 % con respecto á situación de partida; e a mellora da cualificación enerxética do edificio en alomenos unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono, aínda que este requisito non será necesario cando o inmoble xa teña cualificación A.